Actualizado 06/08/2006 20:04

O Barco da Memoria chegará mañá a Boiro (A Coruña) para dar a coñecer a represión franquista contra os mariñeiros

Galicia Actual

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Ago. (EUROPA PRESS) -

O Barco da Memoria, que está a percorrer portos galegos para lembrar a represión franquista contra os mariñeiros galegos, chegará mañá ás 12.00 horas ao peirao de Cabo de Cruz, na localidade coruñesa de Boiro.

O buque permanecerá no municipio dous días, de xeito que mañá, ás 20.30 horas, terá lugar a estrea oficial do documental inédito 'A Guerra Civil en Boiro', que a partir das 21.15 horas será comentado nunha charla polos seus autores, que explicarán o proceso creativo e evidencial que supuxo este traballo.

Así mesmo, o martes ás 20.30 horas no mesmo peirao haberá un relatorio a cargo da profesora e escritora Aurora Marco sobre 'A participación das mulleres no movemento guerrilleiro nos anos corenta en Galicia'. Do mesmo xeito, ás 21.30 actuará a cantante de 'Fía na Roca', Sonia Lebedynski.

Xunto a estas actividades, en ámbolos dous días estará exposta no mesmo barco a mostra 'Os mártires do mar', que poderá ser visitada de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.00 horas.

As actividades están organizadas pola Asociación Cultural Barbantia e colabora a Confraría da Dorna e o Concello de Boiro. Pola súa banda, o Barco da Memoria forma parte das actividades que está a organizar a Consellería de Cultura dentro do Ano da Memoria co que pretende dar a coñecer os sucesos desta época.