Actualizado 13/06/2006 21:20

Estatuto.- Fala Ceibe pide á Cámara que que apoie a declaración de oficialidade do galego no Estatuto de Castela e León

Galicia Actual

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Asociación Cultural Fala Ceibe do Bierzo diríxiuse aos partidos políticos de Galicia para que aproben unha Resolución do Parlamento Galego a prol da declaración de oficialidade da língua galega no Estatuto de Autonomía de Castela e León.

Nun comunicado lembaron que a Lei de Normalización Lingüística protexe a lingua galega falada en territorios lindeiros coa Comunidade Autónoma. "Non cabe dúbida que esta Lei autonómica fai unha implícita mención aos catro territorios de Navia-Eo, O Bierzo, As Portelas da Seabra zamorá e Val do Ellas cacereño, polos seus vincallos histórico, cultural e lingüístico con Galicia", suliñou.

Ademáis, precisou que o actual proceso de reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León supón unha "axeitada coxuntura política" para que o Parlamento Galego manifeste o seu inequívoco apoio á protección do galego periférico de O Bierzo e As Portelas.

"Non hai mellor forma de protexer o idioma propio destes dous territorios que a través da declaración de oficialidade do galego no propio Estatuto de Autonomía de Castela e León", indicou. Por iso, afirmou que o Parlamento Galego "non pode pasar por alto" esta oportunidade histórica de reclamar un "maior recoñecemento legal" para coa lingua minoritaria destes territorios galego-falantes.

Fala Ceibe instou ao Parlamento Galego a participar "activamente" no debate político sobre a reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León, porque "está en xogo o mantemento futuro" do galego nesta comunidade autónoma. "Resulta básico para consolidar a protección do idioma galego de O Bierzo e As Portelas sanabresas aumentar o actual recoñecemento estatutario", indicou.

Ademáis, precisou que a actual proposta de Estatuto de Castela e León pide o recoñecemento de oficialidade do castelán polo que demanda a mesma declaración para o idioma galego. "Só desta forma se evitará discriminar de novo aos falantes do galego", concluiu.