Actualizado 17/06/2006 19:32

Igualdade propicia a cooperación das asociacións de mulleres para que asuman novos retos e creen unha rede en Galicia

Galicia Actual

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Jun. (EUROPA PRESS) -

A secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, defendeu hoxe que as federacións e asociacións de mulleres poidan colaborar entre elas e coa Administración, co obxecto de que poidan asumir novos retos e chegar a traballar en rede en Galicia.

Carme Adán inaugurou hoxe, na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela, a xornada de traballo "Queremos... Podemos... Sabemos. Asociacións de Mulleres. Xornada de formación e Intercambio sobre a súa xestión", que pola tarde foi clausurada pola directora xeral do Servizo Galego de Igualade (SGI), Ana Luisa Bouza.

Segundo explicou a Europa Press a secretaria xeral da Igualdade, neste encontro directivas de 150 asociacións e colectivos que traballan con mulleres poderán traballar e formarse en cuestións de utilidade para a xestión e a presentación de proxectos.

Por iso, entende que este encontro é "unha boa oportunidade" para promover que asociacións de mulleres de toda Galicia poidan tomar contacto, se coñezan e comecen a traballar en rede. Explicou que en Galicia hai unas 600 entidades adicadas distintos eidos vencellados coas mulleres e que Vicepresidencia defende que poidan constituir unha rede "para intercambiar información e coordinarse".

Carme Adán engadiu que a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar avoga por manter estreitos contactos con este tipo de asociacións coa finalidade de poder chegar a proxectos sociais interesantes. Ademais, lembrou a firme aposta que mantén este departamento da Xunta a prol da formación, especialmente no tocante á formación das mulleres.

A xornada "Queremos... Podemos... Sabemos. Asociacións de Mulleres. Xornada de formación e Intercambio sobre a súa xestión" serviu para recoller unha serie de conclusións que servirán á Vicepresidencia para avaliar este tipo de iniciativas formativas.