Actualizado 07/06/2006 21:00

Un libro de 'OQO Editora' é un dos mellores editados de 2006, segundo o premio concedido polo Ministerio de Cultura

Galicia Actual

'Celestino Tarambainas' foi escollido entre 269 obras de toda España e é a única obra galega galardoada neste certame


SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Jun. (EUROPA PRESS) -

'Celestino tarambainas' é a obra de editorial galega 'OQO Editora' que ven de ser galardoada hoxe co terceiro premio ós Libros Mellor Editados de 2006, no apartado de Libros Infantís e Xuvenís, galardón concedido polo Ministerio de Cultura. Esta é a única obra galega galardoada neste certame.

Escrito pola autora galega Marisa Núñez e ilustrado por Mariona Cabassa está editado dentro da colección 'Q' destinada a nenos de entre 8 e 12 anos de iedad. Esta obra, editada en galego, castelán e catalán, foi o primeiro título co que a pontevedresa OQO Editora saíu ó mercado en xullo do ano 2005.

Este premio, fallado en Madrid hoxe, recoñece a "calidade do proceso de edición dos libros do Estado español: edición, deseño, impresión e acabamento", segundo se salienta o certame.

O xurado, composto por representantes da dirección Xeral do Libro, Archivos e Bibliotecas, editores, impresores e diversas personalidades do mundo da edición en España, valorou un total de 269 obras editadas o ano pasado, incluídos en cinco grupos temáticos: libros de arte, libros de bibliofilia, libros facsímiles, libros infantís e libros de divulgación.

O primeiro premio foi otorgado a 'A la sombra del olivo' da editorial Kókinos, e o segundo foi para Estuche: Los cisnes salvajes, La princesa y el guisante y el Patito feo', editado por SM.

PREMIO NACIONAL DE ILUSTRACION

Este premio súmase a ó segundo Premio Nacional de Ilustración concedido a semana pasada a outra obra de OQO Editora: 'A princesa que bocexaba a todas horas', ilustrado por Elena Odriozola e escrito por Carmen Gil.

'A princesa que bocexaba a todas horas' foi editado no pasado mes de novembro do 2005 en galego, castelán, catalán e desde este mes de xuño está tamén dispoñible en portugués.

A editorial galega salientou a Europa Press a súa aposta polo álbum ilustrado de produción propia, ó tempo que pola existencia dun espazo de creación para autores e ilustradores, buscando novas propostas que recollen diferentes sensibilidades artísticas.

Así lembrou que como proxecto editorial, apóstase pola calidade na edición: encadernación en cartoné e ilustracións a cor, buscando que cada libro sexa "único e diferente". Nos dez meses de vida de OQO, son xa máis de 20 títulos os que a editora pontevedresa ten editado en galego, catalán, castelán e portugués.