Actualizado 10/11/2007 17:31

Quintana destaca que Galicia "se autodeterminou" na crise do Prestige para defender a súa costa e esixir a verdade

Galicia Actual

Unhas 650 persoas homenaxean en Carnota voluntarios, veciños e mariñeiros polo seu "esforzo e solidariedade" nas tarefas de limpeza


CARNOTA, 10 Nov. (EUROPA PRESS) -

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, destacou hoxe no acto de conmemoración 'Galicia no corazón!', celebrado no municipio coruñés de Carnota para homenaxear a Galicia tras os cinco anos da catástrofe do Prestige, a "autodeterminación" de Galicia, que "non esperou a resposta dun goberno de fóra", senón que "se mobilizou pola defensa do mar e as costas e esixiu a verdade".

Na mesma liña, reivindicou que en novembro do 2002 -- data da catástrofe do Prestige--, xurdiu unha "nova Galicia". "De dignidade, de forza, responsablemente dona de si mesma, que rompeu os tópicos de país pasivo e desmolibizado", remarcou. Asemade, Quintana lamentou "esa visión interesada e non real que se quixo impoñer historicamente de Galicia", pero valorou que esta "a soubo romper con dignidade".

Ademais, cualificou de "gratificante" a comprobación de que "se algo cambiou na comunidade dende hai cinco anos é a unanimidade dos galegos para expresar a súa responsabilidade cara á súa terra e o seu futuro".

Tamén recordou que "a nova Galicia que agora cumpre cinco anos" quere ter "máis recursos" e reclama a súa presenza nas mesas da Unión Europea, "onde se toman decisións determinantes para o futuro, para a protección da súa costa e dos seus mares". "A nova Galicia soubo converter a indignación en dignidade, a catástrofe nun desafío para medir as capacidades da súa sociedade, que soubo cubrir o baleiro dos círculos de poder con responsabilidade," sentenciou o vicepresidente.

"NUNCA MÁIS".

O vicepresidente da Xunta aproveitou este acto para expresar o seu desexo de que o país "nunca máis teña que padecer o que padeceu", e reiterou que o acto de hoxe serve para "homenaxear con orgullo a Galicia polos seus cinco anos de histórica abnegación".

Así, quixo mencionar o "esforzo, a solidariedade e a entrega" da xente do mar, os veciños, os miles de voluntarios, a xente da cultura e as artes e do grupo 'Nunca Máis', que se erixiu como plataforma de protesta contra o sucedido na costa galega. "Isto é o que queremos recordar, a todos aqueles que sentiron a Galicia no seu corazón,", agregou Quintana.

Por todo, o nacionalista Anxo Quintana considerou que "a maior catástrofe ecolóxica da historia de Galicia" serviu para "valorar a valentía dos galegos á hora de afrontar os seus problemas" e expresou a súa "profunda gratitude" cara aos voluntarios chegados de distintas partes de España e Europa, "o esforzo da cal nunca se borrará da memoria de Galicia". "Quero dar as grazas a os 'bos e xenerosos' que acudiron á chamada de Galicia", concluíu en alusión aos versos do himno galego.

ALCALDE CARNOTA.

No acto de conmemoración do quinto aniversario do afundimento do Prestige ante as costas galegas, o alcalde de Carnota, o 'popular' José Oreiro, aproveitou para expresar o seu desexo de que "nunca máis volva acontecer unha catástrofe deste tipo". Asemade, anhelou que, de volver producirse, "nos corazóns de todos aniñen os mesmos sentimentos de solidariedade que levaron aos miles de voluntarios a acudir a onde facía falta, igual que hai cinco anos".

Na mesma liña, manifestou a súa "gratitude" cara a toda a Administración, "tanto estatal, como autonómica e sobre todo, municipal" que, segundo indicou, "puxeron todo da súa parte para paliar os efectos da catástrofe". Así, se declarou "contento" de que este acto, que reuniu aproximadamente 650 persoas, "non se dea nas mesmas condicións que hai cinco anos".

Igualmente, agradeceu a actitude "solidaria e xenerosa" de "todos aqueles que axudaron sen ningún interese máis que o de colaborar para paliar a crise". "Especialmente, os veciños da Costa da Morte, que actuaron con valentía e xenerosidade, e que recibiron a todos os voluntarios cos brazos abertos", concluíu Oreiro.

UNS 650 ASISTENTES.

Na citada homenaxe, que tivo lugar no pavillón municipal de Carnota, estiveron presentes os alcaldes dos trece municipios da Costa da Morte, así como distintos membros do BNG. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana; as conselleiras de Cultura, Ánxela Bugallo, e de Vivenda, Teresa Táboas, e o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, entre outros, acompañaron nesta cita a voluntarios chegados de distintos puntos da xeografía española, membros de confrarías de pescadores e mariscadores e asociacións ecoloxistas.

Das paredes do pavillón colgaban distintas fotos tomadas durante os labores de limpeza das praias, que reflectían a tarefa dos voluntarios e o estado do litoral galego. Ademais, o acto complementouse coa actuación do grupo de pandereteiras 'Raigañas' e do conxunto musical galego 'Espido', que interpretou dous temas.

"NON RECOÑECÍN CARNOTA".

Félix Peña é un dos bombeiros de Ávila que acudiron como voluntarios a limpar o chapapote das praias galegas. En declaracións aos medios, sinalou que antes da catástrofe visitara Galicia tres veces. "Pero cando cheguei a Carnota para colaborar nos labores de limpeza, non recoñecín o pobo", indicou. "Sorprendeume como se vía todo", confesou.

"Deume moita pena, porque recordaba que este pobo era moi bonito, A verdade é que impresionaba velo", comentou Félix Peña, que explicou que estivera a limpar en Carnota durante dez días xunto con outros compañeiros e policías de Ávila.

Tamén, tras a comida ofrecida a todos os asistentes, proxectouse un video dunha duración aproximada de dez minutos, no que se reflectía a imaxe das costas galegas tras o afundimento do 'Prestige', así como o traballo de todos aqueles que colaboraron nos labores de limpeza do litoral. Ao final do audiovisual, procedeuse a agradecer a todos os voluntarios a súa colaboración nas praias galegas.