Actualizado 10/07/2006 22:43

Santiago acolle as actuacións de 'Capella della Pietá de'Turchini' e a 'Venice Baroque Orchestra' no 'Via Stellae'

Galicia Actual

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Jul. (EUROPA PRESS) -

Santiago de Compostela acolle as actuacións de 'Capella della Pietá de Turchini', Al Ayre Español, os italianos da Venice Baroque Orchestra (en dous concertos) e os franceses Les Musiciens du Louvre na semana grande do 'Via Stellae'.

Hoxe no Auditorio de Galicia actuará a Cappella della Pietà de' Turchini e o seu director Antonio Florio. Será esta unha noite especial do festival coa interpretación do único oratorio propiamente dito escrito por Mozart, cando aínda era un rapaz de 15 anos, en 1771: La Betulia Liberata.

Para celebrar o 250º aniversario do nacemento de Mozart, o Festival Vía Stellae deseñou unha programación na que, ao carón de todo o repertorio barroco e de música antiga que predomina na oferta, podamos achegar ao público galego a música do famoso compositor de Salzburgo e do seu contorno. Os protagonistas vocais deste concerto son o tenor xaponés Makoto Sakurada e catro italianos: a mezzosoprano Marina de Liso, o baixo Sergio Foresti e as sopranos Maria Grazia Schiavo e Valentina Varriale.