Actualizado 04/06/2006 21:13

Vicepresidencia pon en marcha a dirección electrónica 'lecer@xunta.es' para suxerencias dos maiores

Galicia Actual

Realizará catro encontros, un en cada provincia, nos que se invisten 200.000 euros e aos que se prevé a asistencia de 60.000 persoas


SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Vicepresidencia da Xunta ten en marcha dende esta semana a dirección electrónica 'lecer@xunta.es', mediante a que todos os maiores galegos que o desexen poden aportar as suxerencias e comentarios para completar os contidos do Programa Lecer para as persoas maiores, presentado recentemente polo vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana.

O departamento autonómico ten xa a disposición dos interesados a proposta de programación para a Xuntanza Nacional de Maiores de O Carballiño (Ourense), a primeira que se desenvolverá ao abeiro do Lecer para os maiores. Vicepresidencia distribuíu xa nos centros e nas residencias esta proposta, á que se poden facer aportacións e comentarios a través da dirección de correo electrónico "lecer@xunta.es" ata o vindeiro 25 de xuño.

Así, Vicepresidencia pretende manter un diálogo aberto "de ti a ti" coa xente maior de Galiza, destinataria do programa Lecer para os maiores, á que se lle quere devolver un papel activo na sociedade galega. O programa consta de catro grandes encontros festivos, un en cada provincia, nos que se invisten 200.000 euros e aos que se prevé a asistencia dunhas 60.000 persoas maiores.

XUNTANZAS

A primeira xuntanza será o 8 de xullo en O Carballiño, a segunda terá lugar en Vilalba o 23 de agosto e, xa en setembro, a festa chegará a Melide e Pontevedra. Vicepresidencia quere que estes encontros non sexan unha mera reunión de xente maior, senón espazos e referencias para fomentar o "envellecemento activo" que se persegue para os maiores de Galiza e que se impulsa a través das políticas deseñadas por parte do departamento autonómico.

Os encontros serán presentados e animados por 'Superpiñeiro'. Na xuntanza de O Carballiño contará tamén coa participación de Farruco e de Carlos Blanco. As orquestras propostas por Vicepresidencia son Ledicia e Amistade.

As festas iniciaranse cunha Sesión vermú, con pregón de benvida, actuacións musicais e baile. Haberá tamén un "gran xantar", amenizado con pasarrúas, bandas e grupos de animación. Dentro da oferta destas citas do Lecer para os maiores inclúese tamén a iniciativa 'Coñecendo o país', que coordinará actividades interactivas de paseo e visita para gozar da paisaxe, os monumentos, as lendas e tradicións e o rico patrimonio da nosa terra.

OBRADOIROS

Os asistentes a estes encontros poderán participar tamén nos obradoiros galegos, coa presenza de monitores e demostracións en vivo, que queren poñer en valor as tradicións, os oficios e costumes da nosa terra. Nesta liña, haberá tamén un espazo da Cultura galega, coa posibilidade de compartir a literatura e a poesía galegas, a música, as expresións plásticas, ou o teatro.

A oferta completarase coa práctica dos xogos tradicionais e a organización de competicións. O día de celebración desembocará, xa á noitiña coa Gran Romaría Galega, que agrupará baile, actuacións estelares, espectáculos de maxia e concursos.