Actualizado 19/09/2006 22:41

Vicepresidencia subirá en 2007 un 20% a inversión en materia de xuventude e porá en marcha a Lei de Mocidade

Galicia Actual

Quintana anuncia a figura do Voluntariado Lingüístico e o PP pide que se retome a comisión parlamentaria sobre a xuventude


SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Sep. (EUROPA PRESS) -

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou hoxe que a "xuventude" será a materia estrela do seu departamento en 2007 e, por iso, as partidas presupostarias destinadas a estas políticas aumentarán un 20% e se porá en marcha a finais de ano a Lei de Mocidade.

Nunha comparecencia parlamentaria a petición do Grupo Popular, Quintana explicou que a nova lexislación establecerá a obriga de "converter a política de xuventude en transversal" e terá como "esqueleto" medidas que resolvan problemas dos mozos relacionados coa vivenda, o traballo ou a formación.

O obxectivo de Vicepresidencia é que a Lei de Mocidade se implemente tras "un profundo estudio sobre a realidade actual da xuventude deste país", que se desenvolverá "de inmediato" tras a súa posta en común co conxunto do asociacionismo xuvenil, departamentos da Xunta e outros axentes sociais.

Quintana comprometeuse hoxe ante o pleno da Cámara a que este estudio non sexa un feito puntual, senón que anualmente se realice "unha análise seria e rigorosa" sobre o estado da xuventude galega, nuns parámetros que permitan establecer series temporais que axuden a visibilizar a súa evolución.

En canto á consignación presupostaria, avanzou que 2007 será "o verdadeiro ano da política xuvenil", xa que Vicepresidencia investirá neste tipo de medidas 20 millóns de euros, un 20% máis que no presente exercicio.

VOLUNTARIADO LINGÜÍSTICO

O vicepresidente da Xunta informou de todas as medidas postas en marcha polo seu departamento e polo Goberno galego en xeral en relación á xuventude, así como das que están previstas para o futuro, entre as que citou a creación a finais do presente ano da figura do Voluntariado Lingüístico, "como canle de participación cidadá orientada a facilitar e promover o coñecemento e uso do idioma".

Entre outros "grandes proxectos en mente", Quintana apuntou a creación o mes que vén dunha rede de locais de ensaio; unha nova Lei do Voluntariado e o Plan Galego de Voluntariado; a apertura de seis centros 'Quérote'; fomentar estratexias de intercambio social e "priorizar os programas orientados ao repoboación do monte galego".

Sobre este respecto, destacou que houbo case 6.000 voluntarios inscritos no primeiro mes e medio de funcionamento, cunha porcentaxe aproximada do 64% de participantes de entre 18 e 38 anos. Tamén ao respecto dos logros do seu Goberno, citou o aumento de 6.500 a 60.000 exemplares do Infoxove, anteriormente Boletín Xove.

RESPOSTA POPULAR

O deputado popular Diego Calvo non compartiu a valoración de Quintana sobre as políticas de xuventude e acusou a Vicepresidencia de limitarse a "poñer GZ" --Galiza-- nos programas xa postos en marcha polo PP na Xunta. Nese sentido, asegurou que a maioría das medidas habilitadas pola nova Xunta "xa estaban incluídas no plan estratéxico" elaborado pola anterior Administración.

Así mesmo, o parlamentario do PPdeG considerou que o Plan de Voluntariado del Monte foi un "exemplo de descoordinación e ineficacia" e denunciou que, en materia de vivenda, "condenaron a todos os mozos do rural onde non hai vivendas de protección pública a non ter ningunha axuda". Finalmente, pediu a posta en marcha de novo no Parlamento dunha Comisión non permanente de estudio sobre a situación da xuventude.

RÉPLICA QUINTANA

O vicepresidente da Xunta afirmou que o seu grupo estudará a idoneidade de poñer en marcha este órgano e rexeitou as acusacións de Diego Calvo acerca da política de vivenda, criticando, á súa vez, o labor do PP na Xunta. "O problema é que coa política que fixeron xa non había novos no rural", indicou.

Quintana criticou así mesmo o ton da intervención do deputado popular e pediulle sentido do humor: "máis que falar de xuventude parece que fala do tsunami, que se nos vén unha traxedia enriba", ironizó.

Pola súa banda, a deputada do BNG Ana Belén Pontón afirmou que o aumento do 20% no presuposto en políticas de xuventude "non se realizara nunca na historia" de Galicia e acusou o PP de "chegar tarde ao seu labor de oposición sobre políticas de xuventude".

Finalmente, o deputado socialista José Manuel Lage preguntou a Quintana polo Consello da Xuventude, ao que o líder nacionalista respondeu que "non pode ser unha asociación máis" e mostrou a súa vontade de iniciar co órgano unha "nova relación" na que o Consello da Xuventude "participe na mesa de avaliación das subvencións" ás asociacións xuvenís.