O Consello Forestal aborda este mércores o plan de loita contra o lume de 2018

Incendio das Neves en outubro de 2017
EUROPA PRESS - Archivo
Actualizado: miércoles, 18 abril 2018 6:01

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Abr. (EUROPA PRESS) -

O Consello Forestal reunirase este mércores, 18 de abril, en Santiago de Compostela (12,00 horas, en San Caetano) para abordar o plan de loita contra incendios da Xunta (Pladiga).

O pasado xoves, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, explicou no Consello da Xunta as liñas principais do plan contra o lume deste ano, pero este non será aprobado de forma definitiva até a súa consulta no Consello Forestal cos diversos representantes dos sectores aos que afectan as súas medidas.

O plan de defensa e loita contra os incendios forestais na comunidade autónoma de Galicia para 2018 recolle a "posibilidade" de incremento da duración da prestación do servizo tanto do persoal laboral fixo descontinuo como das brigadas de empresas públicas (entre elas Seaga).

O borrador do plan, ao que tivo acceso Europa Press, contempla como obxectivos específicos para este exercicio "reorganizar o operativo de prevención e extinción de incendios forestais en consonancia cos cambios na tipoloxía e na distribución temporal dos lumes rexistrados nos últimos anos".

En consonancia con este obxectivo, establece a "posibilidade" de incremento da duración da prestación do servizo do persoal laboral fixo descontinuo e das brigadas de empresas públicas. Ademais, apunta á "consolidación" das brigadas de investigación de incendios forestais "para potenciar" esta tarefa.

Entre outras cuestións, o Pladiga mantén os mesmos medios, aumenta a 77 as parroquias de alta actividade e persegue participación cidadá en vixilancia e detección.

A presentación ao Consello Forestal, previa á aprobación do documento polo Consello da Xunta, prodúcese pouco despois de que o Parlamento galego terminase o seu plan de traballo con comparecentes para estudar o ocorrido en outubro de 2017, cando en apenas unha fin de semana arderon case 50.000 hectáreas e faleceron catro persoas.

LUZ VERDE EN ABRIL

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou a pasada semana en rolda de prensa após a reunión do Goberno galego que o Pladiga deste ano inclúe "unha serie de medidas novas" en relación coas brigadas e os municipios.

O obxectivo do Goberno galego é aprobar o Pladiga no mes de abril logo do seu paso polo Consello Forestal, pois segundo explicou Ángeles Vázquez na comisión de incendios preténdese que en maio estea "todo organizado", con maior antelación á súa aprobación respecto doutros anos.

O Consello Forestal está conformado por representantes da Administración, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), sector forestal, organizacións agrarias, entidades ambientais e cazadores, entre outros.