Rural.- O Banco de Xermoplasma do CIAM investiga variedades melloradas de millo a partir das 750 especies autóctonas

Actualizado: martes, 29 agosto 2006 20:39

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Ago. (EUROPA PRESS) - O banco de xermoplasma de millo do Centro de Investigación Agraria de Mabegondo (CIAM) integrado por 750 variedades autóctonas de Galiza, Asturias, Cantabria e País Vasco, das que máis de 550 son galegas, busca novas variedades de millo a partir dos xenes das especies que ten almacenadas.

Esta institución dependente da Consellaría de Medio Rural, xunto coa Misión Biolóxica de Galiza e coa Universidade de Santiago, dedícase á investigación na área de produción de cultivos, pastos e biodiversidade para o progreso do sector agrario.

O millo é un produto que se cultiva en Galiza dende hai máis de dos séculos. Na actualidade, as explotacións gandeiras modernizadas aproveitan só unha parte desta planta para uso forraxeiro mentres que as variedades tradicionais son substituídas por híbridos comerciais máis produtivos.

Dende o banco de xermoplasma trátase de conservar as especies autóctonas que dispoñen dunha gran facilidade de xerminación, vigor temperán, boa precocidade, unha aceptable calidade forraxeira, unha mellor tolerancia ao estrés do nitróxeno e son unha boa fonte xenética para obter híbridos adaptados as condicións de Galiza.

O banco de xermoplasma supón un recurso para o futuro que permitirá a conservación das nosas especies e a posibilidade de crear novas variedades de mellor calidade e máis produtivas.