Innova.- Stephen Hawking transmite a estudantes que a mellor forma de entender a ciencia é interesarse dende novos

Actualizado: viernes, 26 septiembre 2008 23:24

Un libro ensina de xeito ameno as teorías sobre o sistema solar, as partículas ou os buratos negros a xeito de conto infantil

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Sep. (EUROPA PRESS) -

O científico británico Stephen Hawking presentou hoxe en Santiago de Compostela, por primeira vez en España, o libro 'A clave secreta do Universo', novela xuvenil que escribiu xunto á súa filla Lucy, e transmitiu os estudantes que "a mellor forma de entender a ciencia é interesarse dende novos".

Hawking, que recibirá mañá o Premio Fonseca, enmarcado no Programa ConCiencia e promovido pola Universidade de Santiago e o Consorcio da cidade, recordou que primeiro escribiu a obra 'Brevísima historia do tempo', pero decatouse de que "era dificultosa" de seguir para a xente.

Por iso, indicou que decidiu escribir outro libre, actualizando o coñecemento e eliminando tecnicismos, convencido de que "todo o mundo pode comprender as ideas básicas da ciencia se se lle explican de xeito correcto".

'A clave secreta do Universo', da Editorial Montena, ensina dun xeito ameno e claro aos máis pequenos as teorías sobre o sistema solar, as partículas, os planetas, as estrelas ou os buratos negros a xeito de conto infantil.

A presenza do prestixioso científico abarrotou o salón de actos do IES Rosalía de Castro, que tivo que ser remodelado para acoller a visita de Hawking polos seus problemas de mobilidade, e precisou da instalación dunha pantalla xigante nun pavillón de deportes anexo o instituto para que máis estudantes puidesen seguir o acto.

ENTENDER E DESCUBRIR

A filla do físico, Lucy, agradeceu esta acollida e explicou que a idea de escribir este libro co seu pai foi a de achegar a ciencia aos máis novos e transmitirse a ansia por entender e descubrir cousas.

Pola súa parte, a conselleira de Educación, Laura Sánchez, que cualificou este acto de "acontecemento único e irrepetible", subliñou o importante labor que realiza o científico Stephen Hawking, do que sinalou que "é un home comprometido coa investigación e o descubrimento dos segredos do universo que entrega a súa vida e o seu esforzo ao saber científico e ao avance do coñecemento".

O director do IES Rosalía de Castro, que actuou de anfitrión, agradeceu ao científico e ao equipo de nove persoas que o acompañan na súa visita a Galicia, "a fantástica semana que están a regalar a todos os compostelanos".

Jorge Mira, director do Programa ConCiencia, celebrou contar coa presenza de Hawking para recibir o Premio Fonseca e destacou que, a pesar das súas limitacións físicas por unha esclerose lateral amiotrófica que lle diagnosticaron en 1963 cando tiña 21 anos de idade, non é unha persoa maniática e "non pide toallas rosas como unha estrela de rock, senón simplemente as cousas que necesita".