27-M.-Cid Harguindey entrega a súa acta de edil en Verín e deixa a política para adicarse á súa familia e o seu traballo

Actualizado: miércoles, 30 mayo 2007 20:56

Foi vicepresidente da Deputación de Ourense nos oitenta e alcalde de Verín durante oito anos

OURENSE, 30 May. (EUROPA PRESS) -

O tenente alcalde en funcións da localidade ourensana de Verín, o independente Santiago Cid Harguindey, anunciou hoxe nunha rolda de prensa que esta mesma mañá entregou a súa acta de concelleiro e que abandona a política despois dos malos resultados obtidos nos comicios municipais pola súa formación, Verinenses Independentes.

Durante a súa intervención, Cid Harguindey asegurou que xa presentou ante a Xunta Electoral a "renuncia" á súa "acta de concelleiro", polo que xa non formará parte da próxima corporación municipal no Concello de Verín.

Así, o independente permanecerá como tenente de alcalde do municipio "en funcións" ata o próximo día 15 de xuño e, posteriormente, trasladarase ao País Vasco para dedicarse á súa "familia e á súa "actividade comercial".

Nas eleccións do pasado domingo, os veciños de Verín outorgaron a maioría absoluta ao PP e decidiron deixar a Verinenses Independentes cun único escano na corporación municipal. Neste sentido, Cid Harguindey afirmou que se sente "decepcionado" pola actitude dos verinenses nas urnas e insistiu na súa advertencia de que "catro anos de goberno de Jiménez Morán (PP) serán un desastre".

CONTRA CORRENTE

Ademais, considerou que é "nadar contra corrente votar ao PP nas urnas", cando os populares perden as capitais de Galicia e os galegos "pensan que é mellor estar ao lado das institucións que teñen o poder"

Cid Harguindey deixa o seu escano de concelleiro pero o seu partido, Verinenses Independentes, decidiu "continuar a súa andaina política" polo que "seguirá vivo durante esta lexislatura" coa conseguinte "renovación de cargos".

Cid Harguindey foi vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense na década dos 80 e alcalde de Verín entre os anos 1983 e 1991, con Centristas de Galicia, que posteriormente se integraría no PP.

O seu novo reto político, Verinenses Independentes, outorgoulle tres escanos nas eleccións municipais de 2003 e permitiulle constituír un tripartito co PSOE e o BNG, que rompeu ao finalizar a lexislatura por diferenzas entre as formacións políticas.