27-M.- Touriño aposta pola "cultura dos pactos" pero advirte a Quintana que non revisará o acordo do bipartito

Actualizado: domingo, 17 junio 2007 19:10

Confirma a existencia de "diferenzas" para selar o pacto en Lugo e móstrase contrario a suprimir as deputacións

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Jun. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, apostou hoxe por impulsar a "cultura dos pactos" con "fórmulas estreitas" de colaboración entre PSdeG e BNG, tanto na Xunta coma nos concellos, pero advertiu ao vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, que non revisará o acordo marco de gobernabilidade asinado entre ambas as dúas formacións para a Xunta.

Nunha entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press, Touriño avogou por "cultivar" a "cultura dos pactos" porque supón un "goberno tan lexítimo" como os de maioría absoluta. Así, sinalou que os resultados do 27 de maio configuraron un novo panorama político no que as forzas progresistas "son maioría". "Hai unha Galicia con dúas forzas políticas entrelazadas que comparten ansias de renovación. Por iso temos unha responsabilidade que debemos cumprir con fórmulas estreitas de colaboración", apuntou.

Non obstante, mostrouse contrario a revisar os pactos da Xunta, tal e como apuntou Quintana hai uns días. Así, precisou que, aínda que o vicepresidente non lle formulou esta posición de forma oficial, "non vai motivos para entrar nun debate público" sobre a revisión dos acordos de goberno na Xunta.

"Só faltaba que a dous anos de lexislatura, e marchando ben as cousas, nos puxésemos a mirar o embigo e poñer en cuestión o traballo elaborado", dixo. "Outra cousa é, analizado o camiño, facer unha avaliación de como o vemos e se hai algún retoque que facer nalgunha dirección", engadiu.

Por iso, mostrouse disposto a "analizar e reflexionar" sobre o traballo realizado nestes dous anos, pero non a revisar os acordos de goberno. Así, sinalou que, dende que o novo executivo tomou posesión, Galicia "gañou en confianza, estabilidade e atractivo". "Crecemos e estamos a cumprir o compromiso electoral do goberno", dixo ao tempo que precisou que vai ao bipartito "unido e cohesionado".

Unha sensación que tamén trasladou aos gobernos municipais recén constituídos, especialmente ao das grandes cidades. "Eu non vexo ningún ton crispado, nin difícil" indicou e subliñou que as corporacións locais se constituíron con "absoluta normalidade" e cun "importante grao de estabilidade". Un síntoma indicativo, segundo o presidente galego, de que "a maioría do país está comprometida co cambio".

Non obstante, mostrou a súa decepción polo incumprimento do pacto en Muros, Porto do Son, Corcubión e Pontecesures aínda que puntualizou que se trataron de casos "anecdóticos". Polo tanto, considerou que o actual mapa municipal en Galicia non é "nin dificultoso, nin tenso" e a comunidade "vea reforzada na súa confianza".

LUGO

En relación ás dificultades que existen para chegar a un acordo de goberno en Lugo, Touriño confirmou a existencia de "diferenzas" que "se intensificaron nos últimos tempos". Por iso, afirmou que ese non é o "mellor clima" para chegar a un acordo de goberno e apostou por que haxa unha "vontade superadora" para chegar a bo porto.

Neste sentido, precisou que, a pesar destas diferenzas, a vontade do pacto asinado entre PSdeG e BNG é buscar gobernos conxuntos e confirmou que o alcalde de Lugo, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, "se comprometeu" a traballar para sacar adiante un executivo de coalición.

DEPUTACIÓNS

O presidente galego tamén se referiu ás negociacións que estes días manteñen PSdeG e BNG para chegar a un acordo de goberno nas deputacións, así como sobre o seu papel futuro. A este respecto, mostrouse partidario de reformar o funcionamento, pero sen suprimir estes órganos provinciais.

"Non me imaxino nunha deputación para logo facela desaparecer", dixo ao tempo que recordou que xa no pacto do bipartito figura a necesidade de transformar estes entes pero "no camiño" de configurar un novo mapa territorial baseado nas bisbarras, os municipios e as áreas metropolitanas. "Trátase de introducir proximidade, equidade e xustiza nas relacións entre as deputacións e os concellos".

Por iso, descartou a supresión dos entes provinciais porque, para iso, indicou que non só sería necesario o "máximo consenso" e unha "reformulación" por parte da Xunta ou do Parlamento galego, senón do Congreso.

Así mesmo, tamén se referiu á tensión xurdida esta semana no Parlamento galego, tras o abandono do BNG do relatorio de reforma do voto emigrante. Unha situación, dixo, que "non se pode elevar á categoría transcendental" porque considerou normal que haxa diferenzas entre BNG e PSdeG.

Así, subliñou que o obxectivo dos socialistas é depurar o CERA e garantir a limpeza do proceso electoral "o antes posible", pero sinalou que reflexionar sobre a reformulación do voto emigrante, tal e como piden os nacionalistas, implicaría unha reforma da Constitución e "máis tempo". "Non é un debate que se poida facer nuns meses", agregou. Por iso, aclarou que estas dificultades non embazarán a acción de goberno entre PSdeG e BNG.

INSTITUCIÓNS

En relación á elección dos membros do Valedor do Pobo e do consello de contas, paralizada dende hai meses, advertiu que "non meterá estas cuestións" no conxelador" e pediu ao PPdeG unha postura "construtiva" para desbloquear a actual situación, xa que se precisa de maioría cualificada --é dicir, dos tres terzos da Cámara-- para a designación de novos membros.

Por iso, sinalou que, aínda que non manexa como hipótese cambiar o regulamento de elección destes órganos para que sexan designados por maioría absoluta, "non permitirá" unha situación de "bloqueo permanente" destas institucións.

Preguntado sobre a posibilidade de retomar as negociacións para reformar o Estatuto, indicou que, agora non é o momento, porque as diferenzas que provocaron o fracaso de proceso a principios de ano, "se intensificaron". "O PPdeG segue dependendo do que diga Madrid e así non podemos avanzar", engadiu. Por iso, apostou por esperar ao panorama político que saia das próximas xerais para intentar, novamente, aproximar posicións e chegar a acordos.