Adega pide a paralización dos planos sectoriais en vigor para axeitalos á nova Lei de Avaliación Ambiental Estratéxica

Actualizado: martes, 1 agosto 2006 22:08

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Ago. (EUROPA PRESS) -

A organización ecoloxista Adega demandou hoxe a paralización dos planos sectoriais en vigor para axeitalos á nova Lei de Avaliación Ambiental Estratéxica. Esta normativa obriga de realizar unha avaliación ambiental dos planos e programas das administracións públicas durante o proceso de preparación e adopción, antes da súa aprobación.

Nun comunicado, Adega destacou que "non abonda" co anuncio da Xunta de someter a avaliación ambiental estratéxica os PXOM en marcha. Así, suliñou que seguen en vigor planos sectoriais "fortemente insustentábeis herdados do anterior governo", como o Plano Sectorial Eólico, o Plano Sectorial Hidroeléctrico e o Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria.

"Desta planificación herdamos un fato de piscifatorías no litoral, de novos aproveitamentos hidroeléctricos (como os do Xallas), e de parques eólicos en Rede Natura, que están a ser tramitados polo novo governo coa excusa de estar obrigados por unha planificación xa aprobada", engadiu. Por iso, reclamou á Xunta que "non continúe parcheando" os planos "caducos herdados do PP" e que proceda á súa "inmediata paralización".

Esta entidade suliñou que a lei é un "instrumento de prevención, cautela e integración" que resposta ás "esixencias" establecidas pola normativa comunitaria. Ademáis apunta que, como medida de prevención, precisarase coñecer os "impactos significativos previsíbeis" para telos en conta na planificación, e evitar danos ao ambiente. A norma incidirá, ademáis, no xeito de traballo das administracións facendo que os impactos no medio estén presentes dende o inicio da planificación de calquera infraestrutura.