18 de enero de 2021
27 de junio de 2006

O alcalde de Santiago coloca a primeira pedra do novo polígono residencial de Cornes, que terá máis de 240 vivendas

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Jun. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, colocou hoxe a primeira pedra do novo polígono residencial de Cornes, que terá máis de 240 vivendas libres e que, unha vez rematado, significará un cambio cualitativo da zona sur da capital galega. En nove meses e medio está previsto que estén construidas as obras de urbanización do Polígono 1 do Sup-2 de Cornes, onde están previstas un total de 243 novas vivendas libres. Os traballos que se inician hoxe teñen un orzamento é de algo máis de 3,1 millóns de euros.

No acto de colocación da primeira pedra, Sánchez Bugallo amosouse convencido de que, unha vez que se remate a actuación en Cornes e, unida ás demais que se están levando a cabo neste entorno, os cidadásn poderán apreciar "o cambio cualitativo que suporá para a zona sur de Santiago"

O aspecto arquitectónico foi tamén resaltado polo xerente de Emuvissa, José Manuel Rey Pichel, quen explicou que este polígono pecha definitivamente un dos obxectivos do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU), como era a conexión de Conxo coa zona nova.

O ámbito de actuación da urbanización de Cornes alcanza os 31.550 metros cadrados, dos cales 11.760 quedarán reservados para o novo viario e 12.070 para dotacións, equipamentos e zonas verdes. A empresa Extraco será a encargada de urbanizar este polígono residencial onde a antiga estación de Renfe. As vivendas estruturaranse en edificios de sete, seis e cinco plantas.

Os detalles técnicos falan dunha obra que inclúe 8.288 metros cúbicos de demolicións, 39.184 metros cúbicos de desmontes, 5.563 metros cadrados de pavimento asfáltico ou formigón en vieiros ou 9.316 metros cadrados de pavimento de beirarrúas e zonas peonís. Na construción empregaranse 77.514 quilogramos de aceiro estrutural. E mostra das amplas zonas verdes son os 9.384 metros cadrados de céspede ornamental e os 128 árbores previstos.

O Concello de Santiago lembrou hoxe que o comezo das obras neste espazo foi o motivo polo que se pechou definitivamente o aparcadoiro municipal de Cornes, que se habilitara de xeito provisional no ano 2001.