Alfredo Conde, Helena Villar e Xosé Manuel Pereiro debaterán mañá no CCG sobre o xornalismo literario

Actualizado: miércoles, 25 enero 2006 18:28

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Ene. (EUROPA PRESS) -

A Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará mañá, en Santiago, a súa tertulia mensual arredor do tema "Xornalismo literario". A mesa contará coa participación da escritora Helena Villar, presidenta da Fundación Rosalía de Castro e colaboradora en prensa; de Alfredo Conde, escritor e colaborador habitual nos medios impresos; e de Xosé Manuel Pereiro, xornalista de prensa e televisión.

Segundo informou hoxe o CCG, os asistentes abordarán a estreita relación entre o xornalismo e a literatura e, especialmente, as características do xornalismo literario e da presenza de escritores nos medios de comunicación. Para elo, Helena Villar e Alfredo Conde botarán man da súa experiencia como colaboradores en prensa e Xosé Manuel Pereiro ofrecerá a súa visión desde a perspectiva do xornalismo.

O acto comezará ás 17.00 horas na Biblioteca do CCG. Como en anteriores ocasións, a tertulia estará aberta ás achegas dos interesados en participar nela e será gravada para posteriormente pór a disposición dos usuarios en Lg3, o soportal de literatura de culturagalega.org.

Deste xeito, a Sección de Literatura e Industrias da Edición continúa o ciclo iniciado de tertulias iniciado en 2004 polo CCG e no que ata o momento participaron escritores como Xesús Alonso Montero, Urbano Tavares e Anxos Sumai e no que se abordaron temas de actualidade como as novas narradoras, o libro galego, a tradución, a creación na Rede e o significado do Día das Letras Galegas.