Anxela Bugallo preside mañá a entrega dos premios Pedrón de Ouro á Aula Castelao de Filosofía e a Vicente Araguas

Actualizado: sábado, 20 mayo 2006 17:45

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 May. (EUROPA PRESS) -

A Fundación do Pedrón de Ouro entregará mañá os premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra 2006 á Aula Castelao de Filosofía e a Vicente Araguas, respectivamente, nun acto presidido pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, que terá lugar ás 12.30 horas na Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón.

Como é costume, o evento comezará cunha ofrenda floral diante da estela da poetisa e actuarán como mantedor Manuel Outeiriño e, como presentador, Xosé Ramón Fandiño. O Pedrón de Ouro pretende sobrancear aquela personalidade ou entidade vivas e residentes en Galicia, que se teñan destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional galega ó longo do ano ou á traxectoria dunha vida.

O Pedrón de Honra, pola súa banda, trata de salientar aquela persoa ou institución vivas, galegas ou non, residentes fóra de Galicia que, de igual xeito, teña contribuído ó progreso de Galicia, dos galegos e dos seus sinais de identidade.

O Padroado da Fundación acordou conceder o Pedrón de Ouro 2006 á Aula Castelao de Filosofía e o Pedrón de Honra 2006 a Vicente Araguas Álvarez. Os membros do Padroado do Pedrón de Ouro valoraron os 24 anos de actividade da Aula Castelao, sempre desde unha posición intelectual crítica, moderna, rigorosa, universal e netamente galega.

Así o xurado valorou o feito de que a Aula Castelao converteuse no decorrer destes anos nun foro de análise interdisciplinar que achegou ó debate intelectual en Galicia a tradución ás ideas dos problemas máis vivos, prementes e acuciantes da época e dende a comunidade.

Do mesmo xeito, salientarou que Galicia recibiu gracias ós ciclos de conferencias, seminarios e congresos, que se concretan na Semana Galega de Filosofía, a voz dos máis salientabeis especialistas nos asuntos que preocupan hoxe á Humanidade.

O Padroado do Pedrón de Ouro valorou, asemade, a "irrenunciable galeguidade" da Aula de Cultura, a súa defensa da universalidade de Galicia e do galego e o seu contributo á normalización do galego como idioma para calquera ámbito e uso, "para asegurarlle un futuro hoxe incerto".

Vicente Araguas, pola súa banda, é autor dunha ducia de libros de poemas, dúas novelas, ensaios, prólogos, estudis críticos, sempre "nunha liña monolíngüe de estrita fidelidade a Galicia", nas súas propias palabras, ten verquido tamén ao galego a autores universais como Stevenson, Joyce e Heaney e ao castelán aos universais Celso Emilio Ferreiro, Cunqueiro ou Darío Xohán Cabana.

Foi cofundador de Voces Ceibes en 1968, licenciado en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago, profesor de español en Glasgow, crítico literario e conferenciante en foros na Galicia e tribunas de numerosas cidades españolas e europeas.

En Viena representou a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) no European Writers Congress, durante vinte anos asinou unha sección galega na revista "Leer" e colaborou en numerosas publicacións, como "El Urogallo" e "Revista de Libros", e a cotío na prensa galega.

En toda a súa actividade intelectual levou como bandeira a Galicia, a súa cultura e o seu idioma, que, para el, é "todo o mesmo", lembrou o xurado.