Arrinca o debate a sete para as eleccións do 12 de xullo

Debate a siete para las elecciones del 12 J
Debate a siete para las elecciones del 12 J - CRTV
Publicado: lunes, 29 junio 2020 22:08

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) acolle o debate entre as sete principais forzas políticas que se presentan ás eleccións autonómicas do próximo 12 de xullo.

O debate arrincou ás 21,30 horas cun minuto de intervención para cada un do sete participantes e a continuación empezou a discusión sobre o primeiro dos bloques temáticos, centrado na xestión da pandemia do coronavirus, a nova normalidade e a reconstrución após a crise.

O debate pode seguirse a través da Televisión de Galicia, a Radio Galega, a G2 --con intérprete de lingua de signos--, a canle de YouTube da Corporación --tamén con intérprete en lingua de signos--, e a través dos medios dixitais da CRTVG.

A TVG ofrece un 'Especial informativo' xa desde as 19,30 horas, presentado por Ana Celia Vázquez, no que participan os analistas Ana Luísa Bouza, José Luís Gómez, Xosé Luís Barreiro Rivas e Roberto Blanco Valdés, que analizan os momentos previos e posteriores ao evento. O debate será moderado polos xornalistas Marta Darriba e Alejandro López desde o Estudo 5 de San Marcos.

Os candidatos dos denominados electoralmente 'grupos representativos' son Alberto Núñez Feijóo, polo PP; Pancho Casal, de Marea Galeguista; Gonzalo Caballero, do PSdeG; e Ana Pontón, polo BNG. En representación dos grupos 'significativos' van Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común; Beatriz Piñeiro, de Cidadáns; e Ricardo Morado, de Vox.

CATRO BLOQUES

Todos eles contrastarán as súas posturas en catro bloques: Galicia e a covid: xestión, nova normalidade, reconstrución; políticas económicas, industriais, orzamentarias e fiscais; políticas sociais e de benestar, educación, sanitarias e modelo institucional, pactos, gobernabilidade e encaixe de Galicia no Estado.

A CRTVG lembrou que, tanto a fórmula para a asignación de tempos a cada formación como o carácter dos diferentes grupos, veñen establecidos pola Lei Orgánica de Réxime Electoral (LOREG) e as instrucións da xunta electoral.