O artista Laurent Millet presenta en Santiago a súa exposición 'Pequenas máquinas soñando imaxes'

Actualizado: viernes, 10 marzo 2006 18:38

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Mar. (EUROPA PRESS) -

A mostra 'Laurent Millet. Pequenas máquinas soñando imaxes' inaugurouse hoxe na Igrexa da Universidade de Santiago nun acto no que participaron a vicerreitora de Extensión Cultural, Mar Lorenzo; o director do Centro Galego de Artes da Imaxe, José Luis Cabo; o comisario da exposición, Manuel Vilariño, e o propio Laurent Millet.

Organizada polo Centro Galego de Artes da Imaxe en colaboración coa Vicerreitoría de Extensión Cultural e comisariada por Manuel Vilariño, a exposición está composta por 40 fotografías de Laurent Millet (Francia, 1968) nas que se amosa a súa produción máis recente.

Así, reúne traballos das series 'Cabane' (2000), 'Petite Machine Littorale' (2001-2002), 'Monolithe' (2002), 'Les Zozios' (2004), 'Le Bestiaire' (2005), 'Les vacances à Dusseldorf' (2006) e a obra composta de 16 pezas 'Croquis' (2005).

As fotografías en branco e negro de Millet están imbuídas nunha suave luz, producindo unha imaxe borrosa dos límites entre a terra e a agua, realidade e fantasía. Millet desenvolve con forza as oportunidades creativas ofrecidas por espazos transitorios onde coloca as súas complicadas e irreais esculturas que aparecen, na súa maioría, en augas pouco fondas.

Estas fotografías logran ser táctiles na súa inmediatez aínda sendo como un soño na súa construción. Na súa proposta actual introduce por vez primeira a cor nas imaxes construídas, onde insiste na súa reflexión persoal sobre as formas, a través de construcións que nos recordan xestos pictóricos e de debuxo nunha sentida homenaxe a Joan Miro ou Paul Klee, entre outros grandes mestres da pintura contemporánea. Imaxes inventadas cheas de suxestións e sensibilidades que provocan no espectador unha lectura con diversas interpretacións.

A mostra, que se pode visitar ata o 16 de abril, complétase coa proxección do vídeo titulado 'Les Tempestaires', realizado en Francia no 2005, onde o artista fai un percorrido poético sobre o seu territorio que serve de homenaxe á vida rural e á natureza cunha clara mirada ás cousas pequenas e cotiás que nos rodean habitualmente.