As APAs valoran as axudas da Xunta para a adquisición de ordenadores pola "grande carencia" de dotacións informáticas

Actualizado: miércoles, 26 abril 2006 22:33

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Confederación Galega de APAs de Centros Públicos (Confapa) valorou hoxe as axudas de 300 euros que concederá a Xunta a 10.000 familias galegas de renda baixa para a compra de ordenadores pola "grande carencia" de dotacións informáticas existentes entre os núcleos familiares.

Así o manifestou a presidenta de Confapa, Olga Patiño, tras manter hoxe un encontro coa conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, ao que acudiron tamén os presidentes provinciais de APAs.

Durante esta reunión, a máxima responsable da Administración educativa galega presentoulles a convocatoria de axudas para a adquisición de ordenadores destinadas a familias con nenos en idade escolar, que saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do día 21 deste mes e que se poden solicitar durante un mes dende o pasado sábado.

Tralo encontro, Olga Patiño manifestou que esta iniciativa lle parece "interesante", posto que van ser "as rendas máis desfavorecidas as que primen para acadar as axudas". Con respecto a isto, destacou que "as familias poden atoparse moi beneficiadas", xa que estas axudas "teñen unhas características que rondan o 50% do importe total a desembolsar a fondo perdido".

Ademais, a presidenta da Confederación Galega de APAs de Centros Públicos anunciou que dende as distintas asociacións que a conforman difundirán estas axudas. Así, sinalou que van poñer as instalacións das APAs e das federacións ao servizo dos asociados para que poidan utilizar os ordenadores con acceso a Internet para facilitarlles a tramitación, posto que a solicitude únicamente se pode facer a través da rede, así como toda a información e asesoramento.