As universidades públicas de Galicia e norte de Portugal ofertarán o vindeiro ano un curso de formación en integración

Actualizado: viernes, 26 mayo 2006 21:32

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 May. (EUROPA PRESS) -

O Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER) e as seis universidades públicas de Galicia e o norte de Portugal ofrecerán o vindeiro ano académico 2006-07 un curso de formación en Integración e Desenvolvemento Eurorrexional, segundo se aprobou na última reunión do consello de dirección da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal.

Corresponderalle ás univesidades de Vigo e Porto o desenvolvemento dos módulos referidos a cultura, patrimonio, poboación e territorio, mentres que ás de Minho e A Coruña os de administración, lexislación e cooperación e, por último, ás universidades de Santiago e UTAD os módulos sobre desenvolvemento sostible eurorrexional e globalización.

Os estudantes inscritos no curso, financiado pola Unión Europea no marco do programa Interreg IIIA, contarán con bolsas e axudas de mobilidade para facilitar a súa participación e presenza nas universidades galegas e portuguesas.

O curso trata de impulsar a formación de técnicos universitarios cualificados na xestión, formulación e desenvolvemento de proxectos de I+D+i con dimensión eurorrexional que poidan coñecer e estudar as afinadades histórico-xeográficas, culturais e económicas e as potencialidades de desenvolvemento cooperativo e complementario que se poden establer entre o mundo empresarial, tecnolóxico, universitario, social e cultural de Galicia co Norte de Portugal.

A formación incidirá especialmente na parte práctica con talleres de simulación de proxectos a candidaturas de I+D+i da UE, prácticas dos alumnos en grupos de investigación universitarios, institucións transfronteirizas ou asociacións de empresarios, así como no uso das novas tecnoloxías, na comunicación e na análise das relacións cooperativas que se poden establecer con África e Latinoamérica.

Ao consello de dirección que se celebrou na cidade herculina asitiron os vicerreitores das universidades de Santiago, Coruña e Vigo, Eduardo García Rodeja, Pilar Uríz e Xosé Cidrás respectivamente; das universidades de Porto e Minho, o prorreitor Manuel Janeira e o vicerreitor Viriato Capela; o director xeral de promoción científica da Xunta, Rogelio Conde Pumpido; o coordinador da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, Nuno Miguel; e o director do CEER e o secretario xeral, Carlos Ferrás e Miguel Bandeira, respectivamente.