A asociación ecoloxista Adenco celebra o próximo sábado en Lalín o encontro de voluntarios do Proxecto Ríos

Actualizado: miércoles, 14 junio 2006 22:24

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Jun. (EUROPA PRESS) -

A asociación ecoloxista Adenco celebrará o próximo sábado 17 de Xuño no Concello de Lalín o II Encontro de Voluntarios do Proxecto Ríos, unha iniciativa que se puxo en marcha o pasado ano e que pretende coñecer a realidade dos ríos galegos achegando a diferentes colectivos, sexan ecoloxistas, colexios, institutos ou persoas a título individual, aos nosos ríos e así descubrir a situación real do río.

Segundo informaron nun comunicado, Adenco participa neste proxecto dende o seu inicio a pasada primavera e realizou ata o momento tres xornadas de inspección, dúas na primavera e outono pasado e outra recentemente. Inspecciónase un treito de río de cincocentos metros, concretamente a praia fluvial da Freixa en Ponteareas, cun amplo traballo que inclúe catalogación de árbores e plantas, análise do PH e dos nitratos da auga, velocidade, caudal, así como estudo de fauna, flora e macroinvertebrados que viven no Río.

Neste II Encontro de Voluntarios, que reunirá en Lalín a colectivos de toda Galicia, Adenco exporá os resultados das súas análises en relación ao Tea, un espazo privilexiado. Trátase dun Lugar de Interese Comunitario que quedará dentro da Rede Natura 2000 da Unión Europea, e que percorre varios Concellos das Comarcas da Paradanta e do Condado, albergando múltiples especies certamente interesantes, que van dende a lamprea ou o salmón á garza real, pasando polo merlo de auga ou a lontra e/ou o rato de almiscre, especies de libélulas ou un bosque de ribeira medianamente ben conservado.