A Aula Castelao de Filosofía homenaxea mañá ao que foi o seu presidente, Fernando Pérez, recentemente falecido

Actualizado: lunes, 26 junio 2006 22:04

PONTEVEDRA, 26 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Praza do Teucro de Pontevedra acollerá mañá, a partir das 20.00 horas, un acto cívico de homenaxe en memoria de Fernando Pérez López, presidente-coordinador da Aula Castelao de Filosofía, que faleceu o pasado 19 de xuño.

Ante a posibilidade de que o tempo non permita a celebración do acto ao aire libre, trasladaríase á Facultade de Belas Artes. Contará coa asistencia de familiares, amigos, alumnos e alumas do Instituto Torrente Ballester no que o finado exercía a docencia como catedrático de Filosofía.

Tamén participarán persoas que compartiron con Fernando Pérez a súa colaboración en diversos colectivos sociais relacionados coa ecoloxía, a solidariedade cos pobos cubano e palestino, e outros do eido cultural comprometidos co ideario de esquerdas. Nesta homenaxe participarán membros da Aula Castelao de Filosofía, Redes Escarlata, Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra, Galiza por Palestina, Amigos de Cuba e Bases Democráticas Galegas.

Actuará o grupo musical A Quenlla, o gaiteiro Óscar Ibáñez e as irmás Quintillán, intérpretes de violín. O mago Antón tamén se sumará ao acto de homenaxe, ademais de varios representantes institucionais do ámbito da cultura. A nota poética correrá a cargo de diversos poetas do colectivo Redes Escarlata. Tamén está prevista a asistencia de escritores como Anxo Angueira e Chus Pato.

Finalmente, lerase o discurso que Fernando Pérez redactou con motivo da concesión do Pedrón de Ouro 2006 á Aula Castelao de Filosofía, con referencias manifestas á discriminación que sofren o pobo galego e o seu idioma