O candidato a reitor da USC Senén Barro avoga pola creación dunha Oficina de Igualdade de Xénero

Actualizado: viernes, 28 abril 2006 20:23

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Abr. (EUROPA PRESS) -

O candidato a renovar o cargo de reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Senén Barro, destacou hoxe o seu compromiso de potenciar a igualdade de xénero na institución académica e, entre as medidas que se recollen no documento de compromisos presentado á comunidade universitaria, avoga pola creación dunha Oficina de Igualdade de Xénero destinada a introducir de "xeito visible" a dimensión de xénero en toda a comunidade universitaria.

Dentro das súas funcións resalta a posta en marcha de actuacións concretas destinadas a "garantir o acceso e a promoción en condicións de igualdade de homes e mulleres en todos os ámbitos da USC e en todos os seus niveis".

Este novo organismo actuaría, tanto dende o punto de vista da realización de estudios sobre a situación actual dos homes e mulleres na USC como da proposta, implementación e avaliación de estratexias e políticas concretas destinadas a correxir as posible desigualdades. Ademais, o novo organismo prevé a elaboración dun protocolo de actuación en casos de acoso sexual ou de discriminación por razón de sexo.

Esta medida está enmarcada dentro dunha "aposta forte" por parte da candidatura na incentivación dunha presenza da muller en certos sectores da USC, "na que aínda é reducida e na eliminación de calquera atisbo de desigualdade", sostén o candidato. A oficina encargariase, ademais, da promoción de políticas activas de conciliación da vida laboral coa persoal e familiar de todas as traballadoras e traballadores da USC.