A cantante Uxía enche o Teatro da Universidade Federal Fluminense de Niteroi (Brasil) no primero de tres concertos

Actualizado: viernes, 14 abril 2006 20:12

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Abr. (EUROPA PRESS) -

A cantante Uxía encheu o Teatro da Universidade Federal Fluminense de Niteroi (Brasil) de música chegada dende Galicia no primeiro dos tres concertos que ofrece nesta cidade, promovidos polo Concello de Santiago.

Un público emocionado aplaudiu as intervencións de Uxía, que actuou acompañada do pianista Paulo Borges, e interpretou temas como 'Negra Sombra', 'Unha noite na eira do trigo' e outros do seu proximo CD, así como cancións brasileiras tradicionais e de artistas tan destacados en Brasil, como Chico César.

Ao concerto asistiu o concelleiro de Cultura de Santiago, Néstor Rego, que se amosou convencido de que o exitoso concerto da cantante, que saíu ata tres veces a saudar ao público posto en pé no teatro, que estaba cheo, "ofrece a posibilidade a esta cidade de descubrir músicas propias de Galicia e fai lembrar a moitos sons da súa terra".

Uxía actuará de novo esta noite no Teatro Muncipal de Niteroi e regresará ao escenario da universidade o vindeiro domingo, acto que pechará a participación do Concello de Santiago de Compostela nos actos encadrados no Niteroi, encontro con España que se desenvolve na cidade brasileira durante este mes de abril.