Catro compañías de España, Italia e Lituania participarán no IV Encontro Europeo de Danza Universitaria da USC

Actualizado: viernes, 21 abril 2006 22:19

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Abr. (EUROPA PRESS) -

As Universidades de Santiago (USC), Vilnius Universitetas de Lituania, a Carlos III de Madrid e a Segunda Universidade de Nápoles participarán a vindeira semana no IV Encontro Europeo de Danza Universitaria da USC, que se desenvolverá os días 24 e 25 de abril en Santiago e o 26 e 27 en Lugo con entrada libre e de balde.

O certame foi presentado hoxe, en rolda de prensa, pola vicerreitora de Extensión Cultural e Servizos á Comunidade Universitaria, Mar Lorenzo, e o director do Espazo de Danza Universitario e responsable do encontro, Juan Carlos Zahera, que sinalaron o evento como "referente en España no ámbito da danza universitaria".

O encontro ten como obxectivo favorecer o intercambio cultural a través da danza e achegar esta ao público a través das distintas propostas coreográficas das universidades participantes. Nos espazos universitarios as compañías manifestarán co corpo as súas inquedanzas e compatirán as experiencias e traballos realizados polas diferentes universidades en torno á danza contemporánea.

As actuacións, cunha duración total de unha hora e quince minutos, correrán a cargo da compañía 'A. Pulka Theatre' da Universidade Vilnius de Lituania, que representará a peza 'As verdades da cociña'; de 'El Laboratorio' da Universidade Carlos III de Madrid con 't..., t..., Tourette' con música de Mozart; a 'Asociación Cultural Le Bazarre' da Seconda Universidade de Nápoles coa representación de 'Matres Matutae'; e o 'Espazo de Danza Universitario' con 'Tientos e Silencios'.

Esta cuarta edicion inaugurarase o luns 24 ás 12.30 horas na Biblioteca Concepción Arenal coa exposición 'Ritmo para o espazo'. Os compositores españois e o ballet no século XX, do Centro de Documentación de Música e Danza do Ministerio de Cultura, na que o Espazo de Danza Universitario da USC realizará unha improvisación coa música en directo do acordeonista Aleix Martínez. O programa continuará coa actuación na Igrexa da Universidade de todos os grupos.

O martes 25 será o vestíbulo da Facultade de Ciencias da Comunicación o que acubille ás 13.30 horas as representacións para, ás 21.00 horas, voltar á Igrexa da Universidade.

O encontro trasladarase o mércores, día 26, ao Campus de Lugo onde a actuación terá lugar ás 20.30 horas na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial. O 27, e como remate, as catro compañías porán en escea as súas coreografías ás 12.00 horas no vestíbulo da Facultade de Veterinaria e, de novo ás 20.30 horas, no Museo Provincial.