O COAG crea unha aplicación informática que simplifica a redacción das memorias dos proxectos arquitectónicos

Actualizado: lunes, 17 abril 2006 20:22

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Abr. (EUROPA PRESS) -

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) presentará mañá, no Colexio de Enxeñeiros Industriais de Santiago, unha aplicación informática que simplifica o traballo de redacción das memorias dos proxectos arquitectónicos garantindo a calidade do seu contido.

Esta ferramenta informática, froito do traballo de máis de dous anos realizado pola Comisión de Asesoramento Tecnolóxico do COAG, entregarase a todos os colexiados galegos e presentarase nos próximos días nas distintas delegacións que o colexio profesional ten en Galicia.

Este programa informático cubre automaticamente todos os documentos que integran a memoria do proxecto, así como os necesarios para a tramitación da licencia municipal, evitando incongruencias ou duplicidades e garantindo a súa integridade. A primeira versión do programa é de aplicación só para vivendas unifamiliares, pero en breve aplicarase a outras tipoloxías. Todos os arquitectos que estén colexiados poderán dispór deste programa gratuitamente.

O desenvolvemento desta aplicación informática enmárcase nas actividades que organiza o COAG co fin de mellorar a calidade dos servizos que prestan os arquitectos á sociedade e, como consecuencia, á mellora da calidade da edificación e do entorno

Está previsto que o programa se adapte ao profundo cambio normativo que suporá a entrada en vigor do Código Técnico de Edificación e que traerá un gran avance nos estándares de calidade e aforro enerxético da edificación en España.