O Colexio de Fonseca acolle en Santiago ata comezos de marzo a exposición 'Tientos e silencios' sobre Jesús Bal y Gay

Actualizado: viernes, 20 enero 2006 21:50

A mostra conmemora o centenario do nacemento do músico lucense e busca arranxar o esquecemento no que permaneceu o intelectual

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Ene. (EUROPA PRESS) -

A exposición 'Tientos e silencios. Jesús Bal y Gay (1905-1993)', coa que a Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais (SECC), a USC, a Xunta, a Residencia de Estudiantes e Lugo Cultural conmemoran o primeiro centenario do nacemento do músico lucense, inaugurouse hoxe en Santiago logo do seu paso pola cidade lucense.

Ao acto de apertura asistiron, entre outros, o reitor da USC, Senén Barro; a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o presidente da SECC, José García-Velasco; a directora da Residencia de Estudiantes, Alicia Gómez-Navarro; o comisario da mostra, Carlos Villanueva; a concelleira de Cultura e Turismo de Lugo, Concepción del Burgo; a directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto; e os vicerreitores de Extensión Cultural e de Coordinación do Campus de Lugo, Mar Lorenzo e Carlos Herrero, respectivamente.

Todas as institucións organizadoras colaboraron nesta mostra para "devolver" ao compositor, musicólogo e ensaísta galego Jesús Bal y Gay "ao lugar que merece ocupar dentro da historia intelectual contemporánea", como sinalou José García-Velasco, "non só polo seu legado musical e textual senón tamén polo labor de conexión que realizou entre as diversas artes tanto dentro coma fóra de España".

Na súa prolífica vida personal e académica incidíu tamén a directora da Residencia de Estudiantes, da que Bal y Gay foi un "destacado alumno" e "un perfecto exemplo do espírito da casa, do modelo de intelectual e creador que a Residencia e o seu director Alberto Jiménez Fraud se propuxeron formar seguindo as liñas pedagóxicas da Institución Libre de Enseñanza".

Deste xeito, coa exposición téntase achegar a figura de Bal y Gay aos galegos e á sociedade en xeral para así, segundo afirmou Concepción Burgo, "arranxar o esquecemento no que inxustamente permaneceu o intelectual lugués".

Na inauguración, na que a conselleira de Cultura sinalou a Bal y Gay como "un dos máis prestixiosos nomes da nosa historia cultural", o reitor lembrou a homenaxe que xa se lle fixera en 1980 na USC coa estrea en España do seu Divertimento para cuartetos de maderas, dentro dos Xoves Musicais da Universidade, e máis recentemente dándoselle o nome de Bal y Gay á residencia que a institución docente ten en Lugo.

"Jesús Bal y Gay", rematou o reitor, "quedará vinculado á memoria desta Universidade, na que cursou estudos nos anos 30, ao manter unha íntima relación con estudantes e profesores nos anos 1927 e 1928 e, máis adiante, na tarefa de construír un ideario galeguista, progresista e de vangarda".

BIOGRAFÍA INTELECTUAL E VITAL

'Tientos e silencios. Jesús Bal y Gay (1905-1993)', que se pode visitar ata o 5 de marzo no Colexio de Fonseca, reconstrúe a biografía intelectual e vital de Jesús Bal y Gay e percorre as diversas etapas da súa vida en Galicia, Madrid, Cambridge e México, así como as facetas que marcaron a súa traxectoria vital e o seu protagonismo como intelectual da Idade de Prata.

Seguindo unha estrutura cronolóxica, as obras, fotografías e documentos reunidos nesta exposición permiten seguir a brillante e polifacética traxectoria intelectual e artística de Bal desde o seu Lugo natal ata o seu regreso a España despois de case tres décadas no exilio.

A exposición, que en marzo se trasladará a Madrid, poderá visitarse de martes a sábado de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas e o domingo en horario de 11.00 a 14.00 horas.