Compostela homenaxea ás 18 vítimas que morreron atropeladas en Pontepedriña entre 1973 e 1978

Actualizado: jueves, 29 junio 2006 21:29

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Jun. (EUROPA PRESS) -

O vindeiro sábado 1 de xullo, a asociación Sandra Prego rendiralle unha homenaxe ás 18 persoas que morreron entre 1973 e 1978 no antigo vieiro á Estrada, no contorno do grupo de vivendas Quiroga Palacios, en Pontepedriña, e descubrirá unha placa na súa honra na Praza de León.

Unha nena de tan só cinco anos foi a última en falecer neste período. O seu atropelo levou por fin aos veciños de Quiroga Palacios a rebelarse contra esta situación. Hoxe, as dúas asociacións da zona están unidas nunha soa, que leva o nome desa rapaza, Sandra Prego Rial. No acto participará o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e membros da corporación municipal.

A partir do sinistro número dezaoito comezaron a reivindicarse solucións para un problema motivado fundamentalmente pola falta de servizo de autobuses para todo o barrio. Máis de 280 familias vivían nas vivendas sociais de Quiroga Palacios e moitos dos seus moradores debían achegarse cada día á travesía e cruzala para coller o autobús. A alta velocidade dos automóbiles, a mala visibilidade e a falta de espazos habilitados para cruzar derivou nunha sinistralidade extraordinariamente elevada.