O Concello de Fene impulsa un ciclo de actividades baixo o lema "Non des ao esquecemento" da ditadura franquista

Actualizado: miércoles, 22 febrero 2006 20:41

A CORUÑA, 22 Feb. (EUROPA PRESS) -

O Concello de Fene levará a cabo entre o 2 de marzo e o 20 de abril un ciclo de diversas actividades baixo o lema "Non des ao esquecemento", co que pretende "reconstruír a memoria de catro décadas" da ditadura franquista pasados 30 anos do final desta etapa.

O xoves da vindeira semana arrancará o ciclo coa proxección do documental "A cidade da selva", que plasma unha reconstrucción da Galicia antifranquista, e posteriormente haberá un coloquio entre as súas autoras. Asemade, o martes 7 de marzo proxectarase o documental "La vieja memoria", que reflexa lembranzas da época entre a Guerra Civil e o posfranquismo.

A programación tamén inclúe a conferencia "A muller baixo o franquismo", a cargo de Encarna Otero, directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, mentres que o profesor de historia Eduardo Fra Molinero disertará sobre "A vida cotiá no franquismo", e o profesor universitario Antón Costa Rico abordará "O ensino franquista".

Máis conferencias sobre o renacer da música galega, táboas redondas centradas no sindicalismo clandestino, películas como "Queridísimos verdugos", de Martín Patino, completan este ciclo de actividades, que se pechará o 20 de abril coa proxección do filme "La noche más larga", dirixido por José Luis García Sánchez e que conta as reflexións do avogado defensor e do fiscal militar no xuízo e condena dos últimos executados polo franquismo.

O Concello de Fene explica que a intención deste programa é dar "unha visión galega" para reconstruír a memoria da ditadura franquista e analizar as súas diferentes etapas e os seus diferentes aspectos, coa finalidade de "artellar cabal e axustadamente como foi aquel longo tempo de ditadura, que uns poderán recordar e otros coñecer".