A Consellería de Cultura apoia a divulgación do folclore galego de Nadal, que nestes días conta con varios actos

Actualizado: jueves, 5 enero 2006 18:29

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Ene. (EUROPA PRESS) -

Os cantares de reis forman parte do patrimonio folclórico galego relativo ao Nadal e a Consellería de Cultura quere apoiar a súa permanencia e recuperación, polo que varios membros deste departamento autonómico participarán estes días en actos nos que se reproducirán estes cantares.

Así, a Consellería de Cultura e Deporte e o Concello de Boimorto organizan o I concurso de recollida de panxoliñas e cantares de reis e o II certame de xugadas de reiceiros, que terá lugar o sábado no devandito municipio coruñés.

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, ten previsto asistir á entrega de premios deste certame que terá lugar ás 17.00 horas no Campo de Rosario. Tanto o certame como o concurso, que terán lugar en Boimorto, pretenden recuperar e estender a práctica das panxoliñas e dos cantares de Reis, dúas formas tradicionais do Nadal.

Pola súa banda, a delegada da Consellería de Cultura na provincia de Pontevedra, Marta Souto, presenciará as manifestacións dos "Ranchos de Reis" en diversas localidades pontevedresas. Mañá estará ás 13.30 horas en Riofrío (Mondariz) e ás 17.30 horas en Santa María (Salceda de Caselas). Asemade, o sábado, ás 12.15 horas, acudirá ver os Ranchos de Guláns (Ponteareas).

Os "Ranchos de Reis" consisten en danzas con paus, castañolas ou arquillos, que debido á emigración galega en Sudamérica teñen unha grande influencia hispanoamericana e de danzas de orixe africana presentes en Cuba e Brasil.