A Consellería de Cultura distribuirá nas casas rurais libros de autores galegos para fomentar a cultura propia

Actualizado: sábado, 8 abril 2006 14:51

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Cultura distribuirá libros de ensaio, divulgación e literatura de autores galegos nas casas rurais co obxectivo de difundir e fomentar o coñecemento da cultura, unha iniciativa presentada hoxe mesmo polo director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, en Sarria, que supón o primeiro municipio onde se pon en práctica esta iniciativa.

'Palabra na solaina', que é como se chama o programa, primará a un autor en cada unha das zonas nas que se faga entrega do lote de libros, en función da especial relación do escritor co lugar. Así, no caso do concello lucense que abre a iniciativa, é o escritor Fiz Vergara Vilariño.

Nembargantes, xunto coas súas obras, entréganse 29 libros de información e de divulgación sobre a lingua, a gastronomía, a historia e a cultura galegas; así como 14 obras de poesía, 11 novelas e coleccións de relatos e tres obras de literatura infantil.

Na zona de Sarria os establecementos colaboradores son o Hotel NH Alfonso IX, Reitoral de Goián, Torre do Barrio, Casa Caxigueiro, Casa Nova de Rente e Casa de Díaz, seis en total, e os libros escollidos son unha selección da creación literaria galega para coñecer distintos aspectos do país. Para elo, tras Sarria, o seguinte lugar onde se entregarán libros será a zona de Noia, onde se fará especial fincapé en Avilés de Taramancos.

Na iniciativa colaboran Turgalicia, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e, no caso de Sarria, a asociación cultural Ergueitos, que contribúen ao desenrolo de 'Palabra na Solaina', incluído no programa da consellería 'Abril, Mes dos Libros', habilitado para o fomento da lectura.

Outras das actividades desde programación son semanas do libro e da lectura con obradoiros de teatro, banda deséñada, literatura, música e exposicións; un certame fotográfico; actividades de lectura, teatro e de maxia en cárceres e en hospitais; ou 'Pan con poesía', para difundir poemas nas bolsas do pan.