A Consellería de Cultura e varios colectivos crean unha ruta cultural e turística dedicada á figura de Valle-Inclán

Actualizado: miércoles, 1 febrero 2006 20:57

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Cultura e varios colectivos relacionados con Valle-Inclán acordaron hoxe por unanimidade crear unha ruta cultural e turística que se estendería por todos os espazos onde transcorreu a vida do escritor arousán. Ademais, decidiron organizar unha exposición itinerante sobre a importancia da súa figura que percorrería toda a xeografía galega.

Esta xuntanza, auspiciada pola Consellería e polo seu director xeral, Luís Bará, é a primeira vez que se celebra con todas as entidades, enfrontadas noutrora por distintas polémicas. Todos os asistentes se congratularon pola intención do departamento de Cultura de elaborar estratexias conxuntas neste ano 2006 no que se cumpren 70 anos do seu pasamento.

Todos os colectivos, entre os que estaba a Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago, a Fundación Valle-Inclán, o Museo da Pobra do Caramiñal, a Asociación de Amigos de Valle-Inclán de Vilanova de Arousa, o Concello da Pobra, o Concello de Pontevedra e a Deputación da Coruña; coincidiron na necesidade de colaborar e coordinar as diferentes iniciativas que poida haber arredor do tema e "evitar así as duplicidades de antano", segundo declarou Luís Bará.