O Consello da Cultura Galega recolle na obra 'Auga e Cultura' a visión dos mozos sobre este ben básico

Actualizado: miércoles, 22 marzo 2006 20:35

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Mar. (EUROPA PRESS) -

O Consello da Cultura Galega (CCG) conmemora hoxe o Día Mundial da Auga coa edición e presentación da obra 'Auga e Cultura. Achegamento gráfico'. Con esta publicación culmina un proxecto que o CCG e o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela desenvolveron nos últimos meses co obxectivo de concienciar aos mozos sobre a importancia deste ben básico na vida diaria e na cultura.

No acto de conmemoración, que tivo lugar no IES Rosalía de Castro, participaron Alfonso Zulueta de Haz, presidente do CCG; Elvira Cienfuegos, concelleira de Educación e Mocidade do Concello de Santiago de Compostela; Ubaldo Rueda, director do IES Rosalía de Castro; a profesora Soledad Pite e o escritor Xosé Chao Rego.

O proxecto, coordinado polos profesores do centro Soledad Pite e Juan José Raíces, leva por título 'Auga e Cultura. Achegamento gráfico' e nel participaron 73 alumnos da materia de Educación Plástica e Visual de 4º da ESO do IES Rosalía de Castro.

Durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo deste ano, os escolares, de 14 e 15 anos, traballaron no centro cos seguintes textos: 'Auga para todos' e a declaración de Dublín da Unesco; a obra de Ricardo Petrella 'O manifesto da auga'; o 'O Libro da Auga' de Xosé Chao Rego e as publicacións do CCG 'As augas de Galicia', coordinado por Francisco Díaz-Fierros, e 'Os ríos galegos', de F. X. Río Barja e F. Rodríguez Lestegás.