O Consello Escolar de Galicia destaca que o alumnado foráneo no curso 2004-05 superou os 7.400 estudiantes

Actualizado: miércoles, 5 julio 2006 21:20

Recomenda accións concretas nas etapas de Educación Infantil e Primaria para avanzar na galeguización destes niveis educativos

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Jul. (EUROPA PRESS) -

Os alumnos de orixe foránea rexistrados en todo o territorio español no curso 2004-2005 superaron en máis de 400.000 aos contabilizados no curso 1994-95 e, segundo destacou hoxe o Consello Escolar de Galicia, no caso concreto da Comunidade galega no curso 1999-2000 matriculáronse 2.052 alumnos mentres que no pasado fixérono 7.408 alumnos.

A porcentaxe de alumnado estranxeiro respecto do total galego pasou de ser o 0,5% no curso 1999-2000 ao 2% no 2004-2005. Así, no capítulo de atención a diversidade, o órgano consultivo de ensino non universitario recomenda deseñar un plan integral respecto da educación de alumnos estranxeiros e de familias retornadas, xa que entende que é preciso unha política educativa de atención a este colectivo que non só se quede na simple escolarización.

Así o recolle o estudio 'Evolución e Estado actual do Sistema Educativo de Galicia' do Consello Escolar de Galicia que analiza distintas cuestións educativas ou relacionadas con este eido entre as que se atopan a lexislación educativa na Comunidade galega, a estrutura do sistema educativo, a atención á diversidade, a educación de adultos e a distancia, a autonomía e dirección dos centros, a participación dos pais e alumnos nos centros, e a lingua galega na educación.

Segundo sinala o informe, a eficacia da educación depende, en gran media, da capacidade do profesorado e do sistema educativo para renovarse de acordo coas novas demandas sociais. Deste xeito, os profesores do século XXI non poden ser axentes pasivos ou suxeitos externos impostos na investigación.

IMPULSAR INVESTIGACIÓN

Deste xeito, de cara ao desenvolvemento da calidade no sistema educativo, o Consello Escolar aposta por impulsar a actividade investigadora e innovadora do profesorado e valora o feito de que curso a curso se incremente o número de profesores que participan en proxectos de investigación e o número de centros premiados pola posta en marcha de proxectos innovadores.

Este órgano aposta ademais por estimular o uso das TIC e potenciar a experimentación para desenvolver novos modelos didácticos que xustifiquen a introdución da tecnoloxía na ensinanza. Segundo os datos do informe, desde finais da década dos 90, a Comunidade galega presenta unha historia "importante" en canto a iniciativas que fomenten o uso das novas tecnoloxías pero cun crecemento discontinuo. Nesta traxectoria, o Sistema de Información da Educación Galega (SIEGA) desempeña un "notable" papel, tentando poñer en rede a toda a comunidade educativa mediante un investimento de máis de 55 millóns de euros no período 1998-2004.

A vicepresidenta do Consello Escolar de Galicia, Milagros Blanco, presidiu hoxe a reunión do pleno deste órgano consultivo, no que se abordaron, entre outros asuntos, o proxecto de decreto de centros integrados de formación profesional e se presentou o informe sobre o estado e situación do sistema educativo galego, elaborado polo Instituto de Ciencias da Educación (ICE) e referido aos cursos 2002-2003, 2003-2004 e 2004-2005.

Neste traballo, o Consello Escolar de Galicia eleva á Administración educativa propostas e suxestións para mellorar a calidade do ensino na Comunidade galega. Á xuntanza do pleno do Consello Escolar asistiron o secretario xeral da Consellería de Educación, Benito Fernández; e os directores xerais de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño; e de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez, así como o subdirector xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente, José Manuel Mouriz.

HORARIOS DOS CENTROS

Entre as propostas realizadas desde o Consello Escolar de Galicia destaca a recomendación, na etapa de educación infantil, de impulsar os programas de apertura e peche destes centros máis alá dos horarios ordinarios. Neste sentido, o informe valora programas como 'Madrugadores', postos en marcha nalgunhas cidades galegas, que permiten que o centro estea aberto desde as 7,30 horas e ofrecen atención a garda ata o comezo das clases ordinarias.

Esta iniciativa favorece a conciliación da vida laboral e familiar e, deste xeito, preténdese facer fronte aos grandes cambios políticos e económicos que configuran unha nova realidade social e que fan que a escola necesite de respostas creativas, eficaces e axustadas ás necesidades do alumnado e das familias.

Pola súa banda, en ensinanzas especiais, segundo o informe e nos cursos avaliados, o número de centros que imparten Danza é moi inferior aos centros de Música, e tan só as provincias de A Coruña e Lugo teñen un Conservatorio de Danza e en Ourense hai unha escola de Danza con ensinanzas que non conducen a un título académico. Neste sentido, o Consello Escolar insta a potenciar o sector público nas ensinanzas de danza e a que a distribución de centros sexa máis equilibrada e permita un maior acceso da cidadanía a estas ensinanzas.

LINGUA GALEGA NO ENSINO

En canto á situación do galego no ensino, o estudo destaca que ao comezo do primeiro ciclo de Educación Primaria, un terzo do alumnado "non acada a competencia suficiente" para este nivel; o 43,1% sitúase na suficiencia e o 23,9% amosa un dominio "bo ou moi bo".

O coñecemento do galego, aínda que mellora 16,2 puntos ao finalizar este primeiro ciclo, non acada a suficiencia requirida. O 16,8% amosa non ter o nivel necesario para comezar o segundo ciclo de primaria. A competencia é maior ao rematar a educación primaria; só un 6,7% non logrou o nivel axeitado ao acceder a BUP e unicamente o 5,7% ao iniciar ESO.

A lingua habitual é un referente a ter en conta por ser o idioma de instalación. Así, en educación infantil e primaria e nas situacións informais nos centros, apréciase que tanto no profesorado como no alumnado o uso dominante é o bilingüe. O emprego do galego é maior entre os profesores (52,5%) que entre os alumnos (37%), se ben compre salientar que o alumnado monolingüe en galego supera o 9,5 puntos aos seus profesores.

No referido á lingua galega no sistema educativo, o órgano consultivo recomenda a posta en marcha de accións concretas nas etapas de educación infantil e primaria para avanzar na galeguización destes niveis educativos. Ademais, aposta por unha maior presenza da lingua galega nos procesos de aprendizaxe da lectura e da escritura.