Consello.- A Xunta nomea a Ramón Villares presidente do Consello da Cultura Galega

Actualizado: jueves, 27 abril 2006 21:07

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Abr. (EUROPA PRESS) -

O Goberno galego deu hoxe luz verde ao decreto polo que se nomea a Ramón Villares novo presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), tralos catro anos de mandato de Alfonso Zulueta de Haz e despois de que o plenario do organismo votara maioritariamente a súa candidatura o pasado xoves.

Ramón Villares Paz naceu en Vilalba en 1951. É catedrático de História Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 1987 e director do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega e participa no consello asesor de revistas como Ayer, Historia Social, Hispania, Ler Historia ou Perspectivas Históricas, algunhas delas internacionais.

Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia entre 1986 e 1990, rector da Universidade de Santiago entre 1990 e 1994 e membro fundador e presidente da Asociación española de Historia Contemporánea (1996-2002) e tamén destaca a súa faceta de investigador en proxectos do CYCIT e da Xunta de Galicia.

Villares é autor de máis de setenta publicacións, entre as que destacan libros como La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936, Siglo XXI Editores, Madrid, 1982, Foros, frades e fidalgos, Estudos de historia social de Galicia, Edicións Xerais, Vigo, 1982, Galicia. A Historia, Editorial Galaxia, Vigo, 1984 (con versión en lingua española e portuguesa), Figuras da nación, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 1997 e El mundo contemporáneo, siglos XIX y XX, Editorial Taurus, Madrid, 2001 (en colaboración con Antón Baamonde).