Cultura afianza "a idea de Pontevedra como cidade das artes" co seu apoio ao VII Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Actualizado: domingo, 5 febrero 2006 17:59

PONTEVEDRA, 5 Feb. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, manifestou hoxe a intención do seu departamento de apoiar actividades e medidas que potencien "a idea de Pontevedra como cidade das artes", lembrando que ao longo do ano se van celebrar actos en torno á memoria histórica e o patrimonio inmaterial. Bugallo acudiu no Pazo de Cultura de Pontevedra á inauguración do VII Salón do Libro Infantil e Xuvenil que a Consellería de Cultura apoiou economicamente por primeira vez.

No acto de apertura, a coordinadora do Salón, Helena Torres, repasou os comenzos desta iniciativa, dende a súa posta en marcha por Manuela Rodríguez e o posterior relevo con Manuel Lourenzo, co apoio do concello de Pontevedra. Precisamente, a conselleira de Cultura sinalou ao remate da inauguración que este tipo de actividades se poden ampliar a outras cidades galegas sempre que conten coa promoción dos concellos.

O VII Salón do Libro Infantil e Xuvenil prolongarase ata o vindeiro 11 de febreiro, cando o escritor Xosé Antón Neira Cruz proceda á súa clausura. A xornada inicial estivo adicada á autora María Victoria Moreno, que antes do seu recente falecemento comprometera a súa participación no pregón. No seu recordo, un grupo de escolares recitaron unha escolma dos seus poemas.

As actividades previstas no Salón --que este ano se dedica á Natureza-- inclúen obradoiros para nenos de escrita, ilustración e, por primeira vez, de medio ambiente; os programa para adultos contén tamén cursos de escrita e ilustración, xunto con obradoiros de animación á lectura, música e conferencias de autores como Antonio Rodríguez Almodóvar, galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2005. Ana María Matute e Xela Armas serán as invitadas de mañá.

De forma completementaria o Salón tamén ofrecerá espectáculos, presentacións de libros e exposicións nos espacios especialmente adaptados por colectivos como Quarto Escuro e alumnos da Escola de Canteiros e da Facultade de Belas Artes. A organización calcula que uns 4.000 escolares da bisbarra de Pontevedra asistan ao Salón, que seguirá recibindo visitas ata o 3 de marzo.