Cultura conmemora o domingo o Día do Libro en Viveiro cunha lectura colectiva en homenaxe a Lois Tobío

Actualizado: viernes, 21 abril 2006 22:21

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Cultura organizou para o próximo domingo unha lectura colectiva en homenaxe a Lois Tobío, coa que se dá inicio á Semana do Libro e da Lectura en Viveiro, unha iniciativa que se enmarca no programa de actividades previstas no mes de abril para fomentar a lectura co gallo do Día do Libro.

Así, estudantes da comarca participarán nesta lectura que homenaxeará a Tobío no centenario do seu nacemento, trala que haberá unha actuación do mago Antón que, mediante a ilusión e do humor, achegará aos asistentes ao mundo da lectura. Ese mesmo día comeza en Viveiro a Semana do Libro e da Lectura, que inclúe obradoiros para escolares de banda deseñada, expresión teatral, creación literaria, música e animación á lectura; contacontos, encontros co profesorado, exposicións e actividades para pais e nais.

As Semanas do Libro, organizadas pola consellería coa colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega dentro do programa 'Abril, mes dos libros', xa tiveron lugar en Carballo e Viveiro e, posteriormente, terán lugar en Pontedeume do 7 ao 13 de maio e en Ribadavia entre o 21 e o 27 de maio.

Outras actividades deste 'Abril, mes dos libros' son o 'Certame fotográfico Ler en Abril', 'Pan con poesía', 'Palabra na solaina', 'Lendo espero' e actividades de animación á lectura en 17 espectáculos de teatro e de maxia en diversos hospitais e cárceres de todo o país, co obxectivo de fomentar a lectura nestes espazos que non forman parte dos círculos culturais habituais.