Cultura destina 250.000 euros á convocatoria de 48 bolsas para restaurar o patrimonio e para organizar arquivos

Actualizado: lunes, 3 abril 2006 22:44

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) tres convocatorias de bolsas para a mellora dos arquivos e dos bens mobles do patrimonio galego. En total son 48 bolsas de colaboración para as que a consellería xa ten destinados uns 250.000 euros.

A duración das bolsas será de entre seis e sete meses e as persoas interesadas teñen un mes de prazo desde hoxe para entregar as súas solicitudes. A convocatoria está dirixida a universitarios cun perfil no que predomine a formación en Historia, Historia da Arte, Arquivística, Arqueoloxía ou Conservación e Restauración de Bens.

Unha primeira convocatoria oferta 21 bolsas de colaboración para documentar, difundir e restaurar os bens mobles do patrimonio cultural galego. As persoas seleccionadas realizarán o seu labor en diversos museos e coleccións visitables de Galiza e nos servizos centrais da Consellería

En canto ao patrimonio documental, convócanse tamén 21 prazas para organizar os fondos documentais de arquivos municipais e doutros arquivos de interese galego. Noutra convocatoria tamén publicada hoxe no DOG inclúense outras tres prazas con características similares e outras dúas prazas para a organización e descrición de fondos de arquivos eclesiásticos. Finalmente, convócase unha bolsa para a informatización dos inventarios.