Cultura invertirá más de 600.000 euros en recuperar el Fuerte dos Medos, en Tomiño (Pontevedra)

Actualizado: miércoles, 14 junio 2006 20:27

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Cultura e Deporte rehabilitará a fortaleza dos Medos, en Tomiño, e establecerá un percorrido para que a xente poida visitar esta construción militar do século XVII, construida durante as guerras mantidas entre España e Portugal.

Para isto o departamento que dirixe Ánxela Bugallo investirá 622.600 euros durante este ano e firmará un convenio de colaboración co bispado de Tui-Vigo. Deste xeito, e en primeiro lugar, limparase a fortaleza e os seus arredores da vexetación que a cubre parcialmente para, deste xeito, poder identificar os seus perfís con maior facilidade.

En segundo lugar, rehabilitarase o seu contorno mediante a eliminación ou o traslado de elementos alleos. É o caso dun palco da música e dun campo de fútbol de terra, que se trasladarán a un lugar máis afastado para que non interfiran co conxunto. Tamén se desviarán dous camiños veciñais para, igualmente, respectar a unidade da fortaleza.

A actuación da Consellería de Cultura inclúe a creación dun percorrido pola parte superior para que a xente poida visitar e coñecer a fortaleza. Finalmente, estudarase o emprego de materias vexetais para fixar as estruturas. As obras contarán en todo momento con supervisión arqueolóxica para atender eventuais descubrimentos de restos. Así mesmo, haberá unha análise para investigar o sistema construtivo deste tipo de fortalezas.

O forte dos Medos, construído no século XVII nun contexto de guerra entre España e Portugal, é unha fortaleza de terra duns 100.000 metros cadrados. Con esta superficie é a construción militar deste tipo máis grande que se atopa na zona. No seu momento chegou a albergar a 5.000 homes.

FORTRANS

A actuación da Consellería de Cultura no forte dos Medos forma parte do programa FORTRANS para recuperar as fortalezas militares que, durante o século XVII, se construíron nas beiras portuguesa e galega do Miño. Ademais de recuperar este patrimonio histórico e cultural, potenciarase un recurso de gran valor para o desenvolvemento turístico e cultural de toda a rexión.

Trátase dun programa xestionado conxuntamente entre, por unha banda, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e, pola outra, a Cámara Intermunicipal do Vale do Minho, a Cámara Municipal de Valença e a Cámara Municipal de Monçao. O proxecto está financiado nun 75% con fondos europeos do Interreg III e, para os anos 2006 e 2007, contará con 1.350.000 euros en intervencións no territorio galego.

SEIS FORTALEZAS

Na actualidade estanse realizando obras de recuperación en cinco fortalezas máis aparte da dos Medos: San Lourenzo e da Nosa Señora da Concepción de Goián; en Santa Cruz na Guarda, na Torre de Fornelos en Crecente e no castelo de Salvaterra do Miño. De xeito que, en total, serán seis as fortalezas que, ao cabo do programa, estarán rehabilitadas para garantir a súa conservación e o seu coñecemento.

Precisamente, para facilitar a comprensión deste tecido militar e as súas repercusións no espazo xeográfico e na Historia, FORTRANS tamén inclúe a creación dun centro de interpretación, así como a elaboración de diverso material divulgativo, un roteiro cultural e un sitio web.