Cultura organiza en Madrid unha exposición sobre o músico lucense Bal y Gay no centenario do seu nacemento

Actualizado: lunes, 13 marzo 2006 20:42

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Residencia de Estudantes de Madrid acollerá a partir de mañá unha exposición sobre o músico e compositor lucense Jesús Bal y Gay baixo o título 'Tientos y silencios. Jesús Bal y Gay (1905-1993) - Músico del 27-'. A mostra que, xunto cunha mesa redonda e unha serie de concertos, recorda a súa figura no centenario da súa morte.

A mostra recolle a traxectoria creativa e vital de Bal y Gay, incluíndo as súas etapas en Galicia, Madrid, Cambridge e México. Os fondos proceden da propia Residencia de Estudantes --onde estivo en contacto con artistas como Federico García Lorca--, do Museo de Pontevedra, do Arquivo Municipal da Coruña, do Museo Provincial de Lugo, do Círculo das Artes de Lugo, da Fundación Luís Seoane e do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside; así como da familia e dos herdeiros.

A exposición está organizada pola Consellería de Cultura e Deporte, a Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Residencia de Estudantes de Madrid e Lugo Cultural.

As celebracións inclúen tamén unha mesa redonda o día 27 de marzo e un ciclo de catro concertos os días 25 de marzo, 1 e 23 de abril e 6 de maio. Interpretaranse obras de Bal y Gay, da súa esposa, Rosa García Ascot, e do Grupo dos Oito --o equivalente musical da xeración poética do 27--.

Bal y Gay traballou como colaborador en revistas como 'Alfar' e 'Ronsel'. Durante os anos 20 entrou en contacto en Madrid con artistas e intelectuais da época, como os compoñentes do Grupo dos Oito. Tras unha estadía en Cambridge, exilouse a México por mor da Guerra Civil, onde desenvolveu un prolífico labor como musicólogo, ensaísta, colaborador en prensa e compositor.