A Deputación abre o prazo para participar no programa escolar 'Coñece o Museo de Pontevedra'

Actualizado: martes, 24 enero 2006 20:15

PONTEVEDRA, 24 Ene. (EUROPA PRESS) -

O programa 'Coñece o Museo de Pontevedra', da Deputación de Pontevedra, abríu unha nova convocatoria de axudas dirixidas aos centros escolares da provincia coa finalidade de achegarlles aos estudantes os fondos que alberga o Museo Provincial e mailo seu labor no campo da cultura.

A visitas, que se realizarán de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, poderán realizar un percorrido xeral pola actividade do museo ou centrarse en temáticas concretas, como a obra de Castelao, a oleiría de Galicia, a prehistoria e a arqueoloxía, o significado das imaxes, a pintura barroca ou as ruínas de Santo Domingo. Dependendo dos temas a tratar na visita, a duración da mesma oscilará entre os 90 e os 120 minutos.

Docentes do Gabinete Didáctico do Museo acompañan durante toda a visita ao grupo de alumnos, dirixindo as visitas e abordando as diferentes temáticas, para o que lle entregarán material de apoio tantos aos profesores coma aos estudantes.

A Deputación subvencionará unha visita escolar ao Museo Provincial de Pontevedra por centro, non superando nelas un número de alumnos superior aos 50. Para participar no programa os centros escolares deben presentar unha solicitude no Rexistro Xeral da Deputación.

Este trámite debe efectuarse unha vez concertada a data de celebración co Gabinete Didáctico do Museo Provincial de Pontevedra, cunha antelación de 30 días á súa realización, e acompañadas do orzamento da empresa de transportes no que deben figurar os quilómetros totais da viaxe e o prezo unitario por quilómetro.