A Deputación de A Coruña amosa nunha exposición en Santiago o seu labor de apoio á creación artística actual

Actualizado: martes, 11 julio 2006 20:41

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Jul. (EUROPA PRESS) -

A exposición 'Accións estratéxicas. Arte actual na Deputación da Coruña' será inaugurada mañá mércores ás 20.00 horas no Colexio de Fonseca, en Santiago, e amosará o labor realizado pola Deputación Provincial de A Coruña á hora de apoiar a creación artística actual.

Ao evento inauguaral asistirán o reitor da Universidade de Santiago (USC), Senén Barro; o presidente da Deputación de A Coruña, Salvador Fernández Moreda; o vicerreitor de Cultura, Elías Torres; e o deputado responsable da área de Cultura do ente provincial coruñés, Celestino Poza.

Por medio de dúas iniciativas diferentes, unha prolongada no tempo case dúas décadas, e outra máis inmediata e achegada -o Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz e o Encontro de Mariñán, respectivamente-, a Universidade compostelá pon de relevo a importancia do traballo realizado ata este momento.

Cada unha das salas desenvolve un discurso diferente, determinado polos fondos correspondentes a cada un dos eventos mencionados. No Colexio de Fonseca se pode ver algún dos artistas máis representativos do panorama artístico galego actual, agrupados por temas e xénero, como Tatiana Medal, Almudena Fernández, Menchu Lamas, Paco Pestana, Manuel Patinha, Vari Caramés ou Jorge Barbi, entre outros.

Pola súa banda, na Igrexa amósasenos o produto da "intensa colaboración", indicou a organización, que, durante tres días consecutivos, diversos artistas -moitos deles traballando en soportes, técnicas e modos pouco comúns na súa produción- levaron a cabo en Mariñán, Betanzos e A Coruña.

O resultado final é o resumo do labor realizado pola Deputación Provincial de A Coruña a favor da creación artística actual, o seu apoio, acrecentamento e difusión. A exposición, comisariada por Juan Manuel Monterroso, permanecerá aberta ata o 10 de setembro.