A Deputación de Pontevedra advirte de que non licitou o estadio de Pasarón porque a Xunta aínda non entregou o proxecto

Actualizado: jueves, 9 febrero 2006 21:45

PONTEVEDRA, 9 Feb. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, envioulle unha carta ao Secretario Xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, advertíndolle que a institución provincial -que aporta 4,5 dos 8,5 millóns de euros que costa a construcción do novo campo de fútbol de Pasarón- non puido iniciar o proceso de licitación dos traballos porque aínda non lle foi entregado o proxecto definitivo do estadio.

A resposta de Louzán vén motivada por un oficio remitido pola Xunta o pasado 30 de Janeiro, no que Domínguez lle enviaba á Deputación un exemplar do convenio suscrito, ademais de comunicar sobre a dirección das obras e demandarlle á institución provincial actas de replanteo, certificacións de obra, facturas e datas para celebrar a mesa de contratación.

Louzán lembrou na súa carta que o convenio para a construción do novo estadio de Pasarón e mailo complexo deportivo de A Parda obriga á Deputación a licitar e contratar a obra do campo e a aportar 4,5 millóns de euros, fronte aos 270.000 euros da Xunta e os 3,7 millóns do Concello de Pontevedra. O convenio establece que a Administración autonómica encargarase da redación do proxecto e dos custes da dirección da obra.

"A nove de febreiro aínda non se entregou na Deputación o proxecto definitivo do campo de Pasarón e, por conseguinte, non se puido dar comenzo ó proceso de licitación", indicou Louzán na súa misiva, lembrando tamén que "unha vez aprobado o expediente de contratación, debe publicarse, pola súa cuantía, no Boletín da UE nun prazo de 52 días, o que obriga a dilatar a contratación".