A Deputación de Pontevedra celebrará en xullo a súa 29 Bienal de Arte dedicada á emigración

Actualizado: viernes, 10 febrero 2006 20:59

PONTEVEDRA 10, (EUROPA PRESS)

A 29 Bienal de Arte que promove a Deputación de Pontevedra, baixo a dirección do responsable do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, celebrarase a partir do vindeiro mes de xullo baixo o lema 'Off: Movementos Imaxinarios entre Galicia e o Cono Sur'. Por primeira vez nunha bienal en Europa postularase sobre o tema da emigración e, en concreto, o diálogo entre artistas de Galicia e Arxentina, Chile e Uruguay.

A comisaria do certame será a arxentina Victoria Northoorn. Tamén será a primeira Bienal Europea que dedique unha importancia preponderante a Latinoamérica e principalmente ao Cono Sur. Participarán 30 artistas, dos que oito son de Galicia e 22 proceden de Sudamérica, aínda que cinco deles teñen raíces galegas.

O certame desenvolverase nas tres sés da cidade de Pontevedra: o instituto Valle Inclán, a Facultade de Belas Artes e o Pazo da Cultura. A inauguración está prevista para o 13 de xullo e como complemento tamén se prevé a celebración dun simposio os días 14 e 15 dese mes. A Bienal permanecerá aberta ao público durante dous meses.

A Bienal de Arte de Pontevedra é a máis antiga de España. As súas orixes remóntanse a 1969, ano no que a Deputación de Pontevedra organizou por primeira vez unha exposición con artistas da provincia. Nesta última década, reforzou a súa proxección internacional, ao tempo que focalizou o número de países participantes.

Esta edición pretende explorar a temática da emigración pero en distintos niveis como fenómeno global, sociolóxico, histórico, cultural e psicolóxico.