A Deputación presenta á UE un proxecto para xestionar o cambio demográfico e laboral dos traballadores de máis idade

Actualizado: viernes, 20 enero 2006 19:44

PONTEVEDRA 20, (EUROPA PRESS)

A Deputación de Pontevedra aprobou a presentación dun proxecto denominado 'Cronos' ante o denominado Artigo 6 do Fondo Social Europeo (FSE). O obxectivo desta iniciativa é redefinir o papel dos traballadores de maior idade nas empresas que, como no sector da industria, teñen un peso importante na provincia.

O orzamento desta iniciativa é de 2,4 millóns de euros que serán financiados no 75% polo FSE e no 25% restante polos socios buscados pola Deputación de Pontevedra: as confederacións de empresarios de Pontevedra e A Coruña, a Deputación da Coruña, os sindicatos UGT, CCOO e CIG, a Consellería de Emprego, as universidades de Manchester, Baixo Miño e Atica (Grecia) e a provincia de Viterbo (Italia). En caso de aprobarse, a aportación da Deputación sería de 183.000 euros.

Nesta redefinición figuran aspectos como a actualización das súas habilidades e coñecementos que posibiliten a súa pervivencia no mercado, o desenvolvemento de novos roles dentro das empresas, a reducción das condicións perigosas e a mellora da saúde laboral.

Esta iniciativa da Deputación de Pontevedra encádrase no programa 'Enfoques innovadores na xestión do cambio', que ten por finalidade apoiar accións innovadoras dirixidas a promover novos enfoques e identificar exemplos de boas prácticas que poidan mellorar a posta en práctica das operacións financiadas polo FSE.

GLOBALIZACION

Os principios que xustifican esta convocatoria de axudas da Comisión Europea baséanse nos efectos da globalización e na tendencia cara a unha sociedade máis baseada no coñecemento, o que está acelerando o ritmo da reestructuración económica a costa dun risco de erosión das cualificacións e de exclusión social.

Neste sentido, a Comisión Europea aposta por unha xestión positiva dos cambios económicos e sociais como prioridade da política de emprego. O proxecto 'Cronos' que presentará a Deputación de Pontevedra centrarase na xestión do cambio demográfico coa finalidade de apoiar iniciativas innovadoras destinadas a promover o envellecemento activo e aumentar a taxa de emprego dos traballadores de máis idade.

Tamén se destina á xestión da reestructuración, para apoiar solucións innovadoras consistentes en mellorar a capacidade de adaptación e anticipación dos traballadores, as empresas e as autoridades públicas.