O documental galego 'Cineclube Carlos Varela' proxectarase o luns na Cinemateca da Universidade da Sorbona en París

Actualizado: sábado, 7 enero 2006 20:22

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Ene. (EUROPA PRESS) -

O documental galego 'Cineclube Carlos Varela', realizado por Ramiro Ledo Cordeiro, será proxectado o vindeiro luns día 9 na Cinemateca da Universidade da Sorbona, en París, gracias á colaboración desta institución coa Casa de Galiza e o Centro de Estudos Galegos, ámbolos dous con sede na capital francesa.

O filme é unha homenaxe ao cineasta lucense Carlos Varela, falecido hai 26 anos, e que durante a Transición percorreu Galicia coa súa camara para facer unha crónica da loita do pobo galego por superar a dictadura franquista.

Así, o documental de Ledo, director, montador e guionista do proxecto, reúne e reorganiza material gravado no seu día por Carlos Varela, e pon imaxes a diferentes actos de protesta dos cidadáns galegos, como o realizada para evitar a instalación dunha central nuclear en Lugo.

Deste xeito, Ledo, que participará nun coloquio trala proxección da película na capital francesa, pretende recuperar, segundo o Centro de Estudos Galegos, a figura dun artista que, pese a traballar con medios "rudimentarios", foi "único".