Educación aposta pola "cultura avaliadora" dos centros docentes co fin de mellorar a calidade do ensino

Actualizado: lunes, 19 junio 2006 22:26

Galicia é a primeira CC.AA. que acolle un curso sobre formación de expertos en tratamento estatístico dos datos do Informe PISA

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jun. (EUROPA PRESS) - A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria avogou hoxe por que Galicia se instale na "cultura avaliadora" nas etapas educativas co fin de incrementar a calidade do ensino nos centros docentes.

Así o manifestou hoxe a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño, quen lle deu a benvida aos participantes no taller de formación que leva por título 'Introdución á análise da base de datos de PISA 2003', e que se celebra en Santiago.

Galicia é a primeira Comunidade Autónoma que acolle este curso sobre formación de expertos en tratamento estatístico dos datos do Informe PISA, no que participan representantes de 12 autonomías e de Brasil e México. Estes técnicos serán os encargados de realizar a análise da calidade do sistema educativo das súas comunidades e dos dous países suramericanos no marco do informe PISA 2006.

A Comunidade galega participa explicitamente no informe PISA 2006, un programa de avaliación do rendemento do alumnado a nivel internacional, no que tamén interveñen estudantes doutros países de Europa -Finlandia, Irlanda, Suecia, Luxemburgo, Suíza, Polonia, entre outros-; pero tamén de Asia -Corea, Xapón e China-; África -Tunicia-; Oceanía -Indonesia-; e América, con países como Estados Unidos, Brasil, Uruguai, México e Colombia, entre outros.

O informe PISA é un estudo internacional que nace en 1997 e que está promovido pola Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE). Este estudo avalía os coñecementos e destrezas acumulados polos alumnos de 15 anos e permite comparar resultados entre os países participantes.

RESULTADOS ACADÉMICOS

O traballo analiza as áreas de lectura, matemáticas e ciencias como elementos representativos do rendemento educativo. Deste xeito, o informe PISA 2000 centrouse preferentemente na área da lectura, o PISA 2003 nas matemáticas e o vindeiro PISA 2006 realizará unha análise da área das ciencias naturais. Ademais, o traballo de investigación tenta descubrir e clarificar os factores máis importantes que afectan aos resultados académicos dos alumnos.

Desde o comezo deste estudo, no ano 2000, España vén participando no deseño inicial, no desenvolvemento e na súa aplicación. A Comunidade galega viña participando nestes estudos a través dun número reducido de centros e alumnado que non chegaron a ser significativos para ser considerada a avaliación do sistema educativo galego.

Concretamente, en 2003, o estudo PISA realizárono apenas 300 alumnos e os seus resultados foron contabilizados no conxunto de España. Pola contra, as Comunidades de Catalunya, Castela-León e País Vasco xa presentaron naquel ano os seus resultados de xeito individual.

TALLER DE FORMACIÓN

Neste sentido, Galicia xunto con outras oito comunidades entra de cheo neste estudo, de xeito que no próximo Informe PISA, os resultados académicos dos alumnos veranse reflexados diferenciadamente por vez primeira.

O seminario que comeza hoxe está pensado como un taller de formación de expertos en tratamento estatístico dos datos do Informe PISA impartido por técnicos especialistas neste procedemento co fin de que os participantes analicen os datos recompilados nos sistemas educativos das súas Comunidades e dos seus países para a elaboración do PISA 2006.

Na Comunidade galega, as probas comezaron o pasado 18 de abril e remataron o 16 de maio. Neste informe participaron ao redor de 2.000 alumnos galegos pertencentes a 53 centros públicos e privados da Comunidade. Os alumnos avaliados teñen 15 anos de idade.