Educación colaborará coa Fundación Meniños na difusión do proxecto 'Facendo Familias' nos centros de ensino galegos

Actualizado: martes, 2 mayo 2006 21:04

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 May. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, comprometeu hoxe nun encontro co presidente e co secretario do Padroado da Fundación Meniños, Valentín Escudero e Andrés Hernández Mouriño, respectivamente, a colaboración do seu departamento para a disfusión do proxecto 'Facendo Familias' nos centros de ensino galegos.

Trala xuntanza, o presidente do Padroado da Fundación Meniños sinalou que lle presentaran á máxima responsable da Administración educativa galega a actividade da fundación en xeral e, en concreto, o devandito proxecto educativo que "tenta xerar a través dos centros educativos unha sensibilización nos nenos sobre a familia, a diversidade familiar, e os valores e situacións relacionadas coa familia".

Así, Valentín Escudero indicou que neste proxecto os nenos aprenden a través de materiais educativos e de xogo, e que neste momento a Fundación para a Infancia está a crear unha páxina web específica para o mesmo.

Neste senso, o presidente do Padroado da Fundación Meniños manifestou a súa satisfacción logo do encontro coa conselleira de Educación, quen "nos ofreceu toda a colaboración institucional para avalar o proxecto e a loxística para informar sobre o mesmo".

Asemade, Valentín Escudero salientou que o equipo da Administración educativa valorou os materiais educativos de 'Facendo Familias' e a idea de traballar a través de Internet.

Pola súa banda, o secretario o Padroado da Fundación Meniños, Andrés Hernández Mouriño, explicou que neste curso participaron en 'Facendo Familias' ao redor de 100 centros de ensino primario das localidades nas que actualmente ten presenza a fundación, isto é, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago.

Deste xeito, segundo sinalou, preto de 6.000 alumnos traballaron este curso no proxecto, do que se obtiveron ata agora resultados "positivos", no senso en que os nenos "traballan e pensan nas cousas que eles poden facer para conseguir que a familia sexa un lugar agradable" ao tempo que eles "son protagonistas desa construción familiar".