Educación impulsa a utilización das TIC no ensino con axudas aos centros para proxectos de innovación

Actualizado: miércoles, 31 mayo 2006 21:32

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes dende mañá e a resolución publicarase no DOG nun prazo máximo de catro meses

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 May. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria impulsará a utilización das tecnoloxías da información (TIC) no proceso educativo tras anunciar a convocatoria, a través dunha orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe, de axudas para a realización de 10 proxectos de innovación educativa que se desenvolverán no curso 2006-07.

Esta orde recolle a política da Administración educativa galega para favorecer o acceso ás devanditas tecnoloxías, en igualdade de condicións para toda a poboación escolar, e o apoio ao desenvolvemento docente que demanda novos perfís profesionais que supoñen un desafío constante e crecente cara o concepto da aprendizaxe ao longo da vida.

Así, poderán participar na convocatoria os centros públicos de ensino non universitario dependentes da Consellería de Educación que conten coa aprobación do claustro e o acordo do Consello Escolar; presenten un proxecto educativo que implique ao maior número posible do alumnado; teñan o compromiso dunha porcentaxe significativa do profesorado para desenvolver o proxecto e realizar as actividades de formación necesarias para levalo a cabo; e favorezan o traballo en rede, xa que os centros que resulten seleccionados pasarán a formar parte da Rede TIC 06/07.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir de mañá xoves, 1 de xuño de 2006; e a resolución publicarase no DOG no prazo máximo de catro meses contados desde hoxe.

Os proxectos presentados polos centros deberán recoller a xustificación dos mesmos; os obxectivos a alcanzar; o desenvolvemento dos proxectos no que se reflicta a proposta metodolóxica e de actividades, os contidos e a avaliación; o tratamento da diversidade, a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, así como as medidas para promover a súa utilización en igualdade de condicións por parte dos diferentes sexos, o fomento dos valores democráticos e a potenciación do uso da biblioteca escolar como centro de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe.

Á súa vez, deberase incluír no proxecto a utilización dos recursos TIC existentes no centro en beneficio do proxecto; a organización dos espazos do centro; a previsión das modificacións que deberán realizarse no proxecto curricular do centro e no plan anual para o desenvolvemento deste proxecto; o plan de avaliación; o de formación do profesorado; e as medidas que se pensan tomar para difundir o proxecto entre o alumnado, familias e comunidade, para fomentar a súa participación e o aproveitamento das tecnoloxías.

Unha comisión de selección, presidida pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa será a encargada de seleccionar os proxectos atendendo ao seu interese educativo e á súa viabilidade. Así, terase en conta o carácter innovador e a coherencia do proxecto, o acceso en igualdade de condicións, a experiencia previa do centro no desenvolvemento de proxectos de innovación e a súa experiencia en TIC, ou o grao de compromiso do centro e da comunidade educativa no desenvolvemento do seu proxecto educativo, entre outros aspectos.

DOTACIÓN ECONÓMICA

Os centros que resulten seleccionados recibirán da Consellería de Educación un 'kit' multimedia composto por un encerado dixital interactivo, un proxector e seis ordenadores portátiles, como máximo, que se enviará no primeiro trimestre do curso académico 2006/07.

Ademais, o departamento educativo enviaralles unha dotación económica de ata un máximo de 1.000 euros para a posta en marcha do proxecto; facilitaralles formación en TIC e asesoramento para o profesorado do centro de cara a un mellor aproveitamento dos recursos informáticos e da súa incorporación á docencia; dotaralles dun espazo web para facilitar a creación e organización de materiais e recursos educativos por medio das tecnoloxías da información e comunicación; e levará cabo a difusión das experiencias a través da rede e a publicación dos materiais educativos producidos.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fomenta o uso das TIC no ensino consciente de que o uso das mesmas con fins educativos abre novas dimensións e posibilidades nos procesos de aprendizaxe, dado que ofertan unha grande cantidade de información interconectada para que o usuario a manipule; ao tempo que permiten unha maior individualización e flexibilización no proceso educativo, adecuándoo ás necesidades particulares de cada individuo.

Asimesmo, as tecnoloxías da información e a comunicación axudan a superar as limitacións temporais e as distancias xeográficas entre docentes e alumnado e deste xeito facilitan estender a formación alén das formas tradicionais do ensino presencial.